O Consorcio de Santiago presentou esta mañá o proxecto de instalación dunha cuberta telescópica para as piscinas exteriores do complexo Multiusos Fontes do Sar, edificio propiedade do organismo interadministrativo. No acto estiveron o alcalde da cidade e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo; o arquitecto responsable da redacción do proxecto, Jorge Barata; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; e a arquitecta da Oficina Técnica do Consorcio que coordina a obra, Idoia Camiruaga.
O vello globo presostático removible que se instala a xeito de cuberta sobre as piscinas na temporada de inverno e se retira na de verán, presenta problemas de mantemento, estabilidade e eficiencia enerxética, polo que se optará por unha solución máis eficiente.
A xerente do Consorcio, Belén Hernández, puxo de relevo que se trata dun proxecto “moi desexado pola cidade” e salientou que “as melloras sobre o globo actual son moi relevantes”. Nesta liña, indicou que se amplía o espazo dispoñible, o que permitirá acoller un maior número de usuarios -cando non haxa restricións sanitarias-; engádense novos servizos como unha zona de contraste, diante dos vestiarios, onde se creará unha sauna e baños turcos; mellórase a iluminación grazas ao peche con vidro transparente, que permitirán desfrutar visualmente do contorno, e cun sistema interior de iluminación máis eficiente”. A xerente destacou así mesmo unha maior salubridade debido a unha mellor ventilación e tamén a unha mellor climatización.
O Consorcio de Santiago vén de licitar a obra por un importe global de 1.126.000 €. O prazo para a presentación de propostas remata o vindeiro 26 e xullo e, unha vez adxudicada, prevese un prazo de execución de 4 meses. Así, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, sinalou: “Agardamos que como tarde en primavera as instalacións estean totalmente operativas”. Apuntou que “cando se puxeron en marcha as piscinas de Sar sabiamos que a cuberta era unha solución temporal e, vinte anos despois, optamos por unha estrutura moito máis sólida, cunha previsión de duración moito maior e cunha redución notable dos consumos enerxéticos”.
A arquitecta do Consorcio Idoia Camiruaga destacou que é “un proxecto cunha elevada calidade arquitectónica”. Referiuse a que “a zona nova con baños turcos e sauna está moi ben integrada no conxunto e, o que resulta fundamental, a cuberta da piscina poderá abrirse en diferentes posicións”. Indicou que a nova instalación é máis eficiente, confortable e versátil. “Gañará en estabilidade e durabilidade, eficiencia enerxética, confort térmico e rapidez nas súas apertura e peche, coa posibilidade de retirala toda cara un lado ou cara aos dous extremos; manipulación que permitirá opcións intermedias en canto a grao de abertura do globo. Ademais, pilotarase toda a ancoraxe para asegurar a estrutura” -explicou a arquitecta do Consorcio-.
FACHADA ACRISTALADA
O proxecto básico e de execución, asinado polo arquitecto Jorge Barata -en colaboración coa Oficina Técnica do Consorcio-, presenta unha intervención a partir dunha estrutura de aluminio, dividida en doce módulos, e unha cuberta de policarbonato especial para evitar condensacións. O arquitecto lembrou que, ata o de agora, cando se facía a montaxe ou desmontaxe do globo, precisábase dunha semana, período no que as piscinas debían permanecer pechadas. “Agora poderá abrirse e pecharse cando se desexe, de maneira doada e inmediata” -asegurou-.
O arquitecto explicou que toda a fachada, de 2,20 metros de altura, será acristalada, polo que gañará en “transparencia”. A intervención realizarase sobre unha superficie construída de 1.446 metros cadrados, incluíndo a nova zona da contraste. O vaso mide 52,70 por 16,60 metros e a nova cuberta 61,80 por 24 metros.