Un total de 650 persoas tomaron ás 9:00 horas de hoxe sábado a saída da VIII Andaina Terras de Altamira, organizada pola asociación O Esquío no Piñeiro e o Concello de Brión e que se desenvolverá ata as 21:00 horas polos montes e aldeas do municipio. Un total de 50 quilómetros que discorren por percorridos practicamente inéditos, fuxindo do asfalto e buscando novos sendeiros.
A VIII Andaina Terras de Altamira é puntuable tanto para a I Liga Xunta de Galicia de Sendeirismo da Federación Galega de Montañismo como para a Liga Ibérica de Sendeirismo da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada (Fedme). A andaina non é competitiva, o reto consiste en participar e procurar rematar a proba.
O día acompaña, tal e como salientou o alcalde, Pablo Lago Sanmartín, encargado de dar a saída dende a Carballeira de Santa Minia xunto ao padriño da proba, o actor e humorista Federico Pérez. Lago Sanmartín felicitou á asociación O Esquío no Piñeiro polo seu traballo “pois é un pracer ver cada vez máis xente ateigando esta Carballeira. Nada menos que 650 persoas, o récord da proba”. Así mesmo, desexoulles aos participantes que “desfrutedes da camiñata, da nosa natureza e do noso patrimonio e que volvades outro día para coñecernos con máis tranquilidade”.
PERCORRIDO
Dende primeiras horas da mañá, centos de automóbiles foron enchendo as distintas parcelas reservadas para o aparcamento e recollendo o dorsal e a bolsa do sendeirista. Ao igual que o ano pasado e a diferencia das seis edicións anteriores, a andaina non está organizada en aneis senón en distancias lineais: 16 km, 36 km e 50 km. Un percorrido que permitirá aos sendeiristas camiñar polas beiras dor ríos Sar e Tinto, coñecer lugares de especial interese no municipio tanto pola súa importancia patrimonial (a Igrexa de Bastavales, a Ponte Paradela ou o Santo Arandel) como social (o mural solidario de Art for Dente en Bastavales). Así mesmo, bordearán lugares emblemáticos como as Torres de Altamira ou o Castro Lupario e atravesarán os montes de Rañalonga.
Os primeiros 10,5 km son comúns a todas as distancias pois nese punto é cando cadaquén decide se volve á meta e cubre 16 km (4 horas) ou continúa cara a seguinte distancia. O mesmo acontece no quilómetro 24. Así mesmo, a organización ten establecidos uns horarios máximos para o paso do camiñante por eses dous puntos de forma que se non chega en hora ao punto quilométrico 10,5 (11:40 horas) ou 24 (14:45 horas), o camiñante terá que dar volta e non continuar cara a seguinte distancia. Agárdase que todas as persoas participantes que cubran os 50 km teñan chegado ás 21:00 horas á carballeira de Santa Minia, pois se establece un tempo medio de 10 horas para completar os 50 quilómetros tendo en conta unha velocidade media de 4,2 km/h.