lunes. 29.04.2024

Galiciencia é a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde o ano 2006. Busca achegar a ciencia á sociedade, en particular ao estudantado de Primaria, Educación Especial, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Esta 19ª edición celebrarase no mes de maio, co lema “Mellor, de Madeira”.

Ademais do concurso de proxectos, convócase o concurso de deseño da camiseta oficial de Galiciencia 2024. Este certame diríxese a todo o alumnado de Primaria dos centros educativos de Galicia. As propostas deben ter como punto de referencia calquera obxecto ou contorna relacionada coa temática desta edición da feira, “Mellor, de Madeira”. O prazo para presentalas remata o vindeiro 18 de marzo.

Todos os participantes que desexen formar parte deste concurso deberán enviar un correo electrónico cos seus deseños escaneados a [email protected]. Tamén se poden presentar os orixinais na recepción do Parque Tecnolóxico de Galicia, xa sexa en persoa ou por correo postal.

Poderanse presentar ata un máximo de dous deseños por persoa, tanto de xeito individual como en grupo. Deberán ser orixinais e inéditos e non ter sido premiados en ningún outro certame. Entregaranse nun folio tamaño A4 e o deseño deberá ocupar alomenos a metade do folio e realizarse sobre fondo branco. Cómpre indicar o título da obra, o nome completo do autor, o centro educativo ao que pertenece, xunto a un teléfono de contacto e correo electrónico do docente ou titor do alumno/a participante.

Un xurado de expertos decidirá a proposta gañadora, que se fará pública a través da páxina web e das redes sociais de Galiciencia. O premiado recibirá camisetas para toda a súa clase de Primaria, con exemplares tamén para os seus docentes e familiares. Así mesmo, distribuiranse camisetas entre o persoal da organización e entre o alumnado que expoña os seus proxectos na feira. Máis información: www.galiciencia.com

 

O alumnado de Primaria de toda Galicia pode participar no concurso para deseñar a...
Comentarios