martes. 30.04.2024

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar a alerta laranxa para mañá por temporal costeiro en todo o litoral galego.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde primeiras horas de mañá no noroeste e oeste do litoral da Coruña e na Mariña lucense, estendéndose ao mediodía ao suroeste da costa coruñesa e, xa pola tarde, ao litoral da provincia de Pontevedra. Agárdase mar combinada do noroeste con ondas de ata 6 metros, que poden chegar ata os 7 metros entre Ortegal e Bares.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.  

Na xornada de hoxe xa está activa a alerta amarela por temporal costeiro no noroeste e oeste da Coruña e na Mariña lucense e a situación no mar irá empeorando ao longo deste domingo. Así, o aviso de nivel amarelo de hoxe deixará ventos de forza 8 de 50 a 61 quilómetros por hora entre Fisterra e Sisargas e entre Ortegal e Bares e mar adentro. Ademais, de xeito ocasional pode darse vento no mar de 74 quilómetros por horas e mar combinada do oeste aumentando a ondas de 5 metros e rolando ao noroeste.  

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.  

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Alerta laranxa en todo o litoral galego por temporal costeiro
Comentarios