jueves. 21.11.2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou na súa reunión desta mañá a Conta Xeral da Comunidade Autónoma do exercicio 2021, que demostra “a boa xestión” do Executivo autonómico, o que permite “baixar impostos e manter a calidade dos servizos”.

En concreto, Rueda resaltou que a Comunidade cumpriu os obxectivos de déficit e de débeda pública recollido no seu orzamento, “a pesar da situación excepcional na que vivimos derivada da pandemia”. O Goberno galego pechou o exercicio cun déficit do 0,15% do PIB –moi por debaixo “do 1% como máximo fixado”, sinalou- e cunha taxa de endebedamento do 18,5%.

Ademais, o titular da Xunta resaltou que “Galicia segue a ser das comunidades que tarda menos en pagar aos proveedores” e salientou que a Comunidade galega fose “líder en investimentos no 2021, con case o dobre de gasto” que a media autonómica.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos López-Prado, presentou hoxe no Consello da Xunta esta conta xeral, en que se indica que o resultado de Galicia en termos de contabilidade nacional cumpre co obxectivo fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) para todas as administracións autonómicas.

Ademais, na Conta Xeral pódese apreciar que Galicia, tal e como avanzou o presidente da Xunta na rolda de prense, non só foi das comunidades autónomas que cumpriu de novo os obxectivos de déficit e de débeda, senón que liderou o tempo de pagamento a provedores. En concreto, durante o 2021 o período medio de pagamento de Galicia foi de 15 días, fronte aos 25 de media das comunidades autónomas, o que confirma que Galicia pagou de media as súas facturas case na metade de tempo que o conxunto das comunidades.

Desta forma, a Xunta de Galicia, un exercicio máis, é quen de compatibilizar altos niveis de execución, con grandes esforzos investidores e un áxil pagamento aos provedores.

A Conta Xeral mostra que en 2021 a Xunta foi capaz de acadar unha execución do orzamento consolidado de gasto do 95,2 %, un indicador aínda maior -do 105,8 %- no gasto corrente, que engloba todo o gasto social da Administración galega, especialmente o gasto sanitario, educativo e no eido dos servizos sociais.

A Conta Xeral de 2021 tamén reflicte que Galicia acadou un aforro bruto de 864 millóns de euros, que permitiu incrementar o grao de investimentos da Comunidade Autónoma sen recorrer ao endebedamento.

ESFORZO INVESTIDOR

Galicia foi en 2021 a comunidade autónoma líder en investimentos. Segundo os datos oficiais do Ministerio de Facenda, Galicia foi o pasado ano a comunidade con maior esforzo investidor –un 21,6 % do gasto non financeiro-, fronte ao 11,6 % de media autonómico.

Con estes indicadores, o Executivo galego reafirma a súa aposta por un modelo de crecemento baseado no cumprimento dos obxectivos de déficit e de débeda, o que permite ter maior marxe de gasto nos investimentos, reforzar o gasto social e pagar con máis axilidade aos provedores da Administración.

A Xunta de Galicia remitirá agora a Conta Xeral ao Parlamento e ao Consello de Contas cumprindo a normativa en vigor.

A "boa xestión” do Executivo autonómico permite “baixar impostos e manter a calidade...
Comentarios