jueves. 21.11.2024

A Xunta convocou unha segunda edición do Plan de formación para a mocidade, os profesionais do eido do tempo libre e as persoas voluntarias de Galicia cun total de 1.530 prazas. O prazo de inscrición abriu este venres no caso dos cursos destinados a persoas voluntarias e entidades e permanecerá aberto ata cubrírense as prazas.

No mes de abril púxose en marcha un primeiro plan cun gran éxito de participación. Nesta segunda edición, amplíanse o número de cursos ofertados ata os 27, dos que 22 realizaranse en liña e cinco de xeito presencial nos espazos xoves de Chantada, Lalín, Betanzos, Noia e Ourense.

En concreto, ofértanse 13 cursos formativos, oito en liña e cinco de carácter presencial, para persoas voluntarias e entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia; e outros 14 cursos en liña para profesionais do eido do tempo libre e persoas mozas en xeral. Para este último grupo o prazo de inscrición ábrese o próximo 20 de outubro. Os formularios de inscrición estarán dispoñibles na páxina web de Voluntariado.

CURSOS OFERTADOS

Os cursos en materia de voluntariado serán os seguintes: Formación en igualdade para a prevención e o afrontamento da violencia de xénero; A acción voluntaria en situacións de emerxencia derivadas da covid-19; Lingua de signos; As competencias do voluntariado: un valor á alza; Curso dixital RSE e voluntariado corporativo; Educación e voluntariado ambiental; O voluntariado desde os centros educativos; e cursos de voluntariado con nivel de especialización.

Por outra banda, as tipoloxías destinadas á xuventude son: Scape room educativo, propostas analóxicas e dixitais; Xestión do estrés; O móbil como aliado ante a covid-19; Sensibilíza-T contra as violencias; Como elaborar un currículo; Claves para triunfar en Tik Tok; Ocio inclusivo; Curso de creación e edición de vídeos; Márketing cultural, creación, posicionamento e optimización web; Novas tecnoloxías e ocio durante o confinamento e a desescalada en persoas con discapacidade intelectual; Xogos dinámicos de grupo adaptados á covid-19; Os campamentos como espazos de participación: ferramentas e debates; Educación emocional en tempos de covid-19; e Iniciación ao acompañamento educativo nos e-sports e o ocio dixital.
 

A Xunta convoca unha segunda edición do Plan de formación de xuventude e voluntariado...