O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publica hoxe a inscrición definitiva no Rexistro Comunitario da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego. Así, o regulamento da Comisión polo que se produce a inscrición da IXP entrará en vigor dentro de 20 días e para entón o Pan Galego contará xa con esa protección no ámbito europeo a todos os efectos.
A Consellería quere agradecer todo o traballo e esforzo que lle supuxo ao sector consolidar o seu produto, dando así por finalizada unha vella aspiración dos panadeiros galegos, organizados a través da Federación Galega de Panaderías (Fegapan), que viron necesaria a creación deste selo para facilitarlle aos consumidores a identificación no mercado do auténtico pan galego.
Neste senso, a posta en marcha desta nova indicación supón unha oportunidade para protexer e poñer en valor este produto tan típico da gastronomía galega, conservando as características típicas e as materias primas da nosa terra.
CARACTERÍSTICAS
As características que deberá ter o pan para poder acollerse a esta Indicación están recollidas no correspondente prego de condicións. Trátase dun pan de codia dura e triscante, miga esponxosa e alveolado abundante e irregular, que se elabora de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte –cando menos un 25% do total– debe proceder de trigos cultivados en Galicia, pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos.
Ademais, a súa elaboración caracterízase pola utilización de masa nai e dunha elevada cantidade auga, así como polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con soleira de pedra ou outros materiais refractorios.
O prego de condicións establece tamén os diferentes formatos tradicionais que se admiten, os rangos de pesos que poden ter as pezas e define as características da codia e da miga, así como o aroma e sabor do produto.