viernes. 22.11.2024

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mediodía nos actos do 35º aniversario da primeira sentenza ditada en lingua galega despois de séculos de proscrición organizado pola Irmandade Xurídica Galega en colaboración coa Xunta de Galicia e o Concello da Coruña. A conmemoración tivo lugar na coruñesa Praza de Galicia, fronte á sede do Tribunal Superior de Xustiza.

O representante da Consellería de Cultura e Turismo, Valentín García, lembrou que unha véspera do Día de Galicia “de hai 35 anos deuse un paso de xigante para a normalización lingüística coa publicación da primeira sentenza en lingua galega en 400 anos, un logro que só a democracia podía facer posible; un logro que hoxe lembramos, non para recrearnos na nostalxia, senón para termos un referente e un acicate que nos anime a seguir avanzando no uso do galego no ámbito da xustiza”.

No acto, no que se descubriu unha placa conmemorativa, interviñeron tamén a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o presidente do Tribunal Superior Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde; a xefa da Avogacía do Estado en Galicia, Consuelo Castro; e o fiscal da Fiscalía Superior de Galicia, Carlos Varela; o presidente da Irmandade Xurídica Galega Xaquín Monteagudo, e o avogado da mesma organización, Xoán Antón Pérez Lema.

35º aniversario da primeira sentenza en galego