O sistema público de saúde de Galicia recibe un total de 1.878.522 euros para financiar a contratación de 21 profesionais de diferentes áreas e recoñecida traxectoria no eido da investigación.
Galicia reforzará as súas estructuras de I+D+i do Sistema Público de Saúde coa incorporación destes profesionais. En concreto, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela contará cun total de 15 novos contratos, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña poderá realizar 4 contratos, o Instituto de Investigación Biomédica Galicia Sur contará con 1 contrato e a Fundación Pública galega de Medicina Xenómica tamén con 1 contrato.
As axudas recibidas están enmarcadas na convocatoria estatal Acción Estratéxica en Saúde 2020 do Instituto de Investigación Sanitaria Carlos III, que ten por obxecto a concesión de subvencións dirixida ao financiamento de unidades vinculadas ás Plataformas ISCIII de apoio á I+D+i en Biomedicina e Ciencias da Saúde.
REFORZAR ESTRUCTURAS
Os institutos de Investigación Sanitaria de Galicia reforzarán así as súas estructuras de investigación coa incorporación de novos contratos de doutores de acreditada traxectoria en centros do ámbito do Sistema Nacional de Saúde.
Tamén se incorporarán un número importante de facultativos con experiencia en investigación en ciencias e tecnoloxías da saúde e de facultativos especialistas para realizar parte da actividade clínico-asistencial de profesionais que, ao mesmo tempo, estean a desenvolver actividades de investigación.
Os tres institutos de investigación sanitaria galegos son entidades adicadas á investigación básica e aplicada, creadas a través da asociación das universidades galegas e os hospitais docentes do Servizo Galego de Saúde.