A Xunta de Galicia activará este ano a segunda edición do programa de axudas para a mellora dos espazos termais de uso lúdico de Galicia. Unha convocatoria de carácter plurianual (2023 e 2024) á que se reservarán un total de 1,74 millóns de euros.
Os apoios, de concorrencia non competitiva, publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG) nas próximas semanas co obxectivo de fomentar a actividade termal mediante a realización de actuacións encamiñadas ao acondicionamento destas instalacións.
En concreto, estas melloras inclúen a adquisición e instalación de caudalímetros, sistemas de bombeo ou equipos de medición; colocación de sinalética; obras de acometida e canalización de augas; melloras de espazos verdes, instalacións de lecer e das condicións de accesibildiade e seguridade; así como actuacións en vestiarios, duchas e aseos.
Poderán optar ás axudas as entidades locais galegas que conten co título habilitante para o aproveitamento lúdico das augas termais. A intensidade de axuda manterase no 80% pero o importe máximo increméntase ata os 200.000 euros (fronte aos 150.000 da primeira edición).
Esta liña de apoios, impulsada desde a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, ten como obxectivo apoiar aos concellos galegos na realización de intervencións que contribuirán a ofrecer máis e mellores servizos nas instalacións de augas termais galegas, contribuíndo a fomentar o turismo e a dinamización económica.