Luís Paadín, o novo ‘Persoeiro de honra’ da DO Ribeiro, é un home do viño “transversal” no senso de que é membro de confrarías de distintas denominacións de orixe. “Estou encantado. E sobre todo o que máis me gusta é que son transversal, que non son fillo dunha denominación de orixe, son fillo de Galicia”. Paadín está emocionado porque está presentando a décimo primeira edición da súa Guía de Viños que informa de máis de 1.300 referencias de viños. Son máis de 20.000 os exemplares distribuídos durante estes anos da súa publicación.
Guía de Vinos, Destilados y Bodegas de Galicia 2021 acada case 500 páxinas, recolle traballos sobre as castes galegas. Rexistra 300 nomes de variedades de castes galegas en desuso. Incorpora un buscador de rexistros de embotelladoras de viños chamados por /para. Deste xeito pódese saber cales son viños de adegas e cales de comercializadoras. E clarifícalle ao consumidor se son de segundas ou terceiras marcas de adegas, que doutro xeito non ten forma de saber. Trátase de identificar a quen pertence un viño. “Isto é un valor engadido xa que as comercializadoras están indo por outros camiños...”, explica Luís Paadín.
Outra novidade da Guía Paadín é que incorpora un rexistro de 40 enotecas ou tendas de viño de toda España. Está ordenado por provincias e así pódese saber onde mercar viños galegos en todo o territorio nacional. “Pensamos isto porque o 20 por cento dos nosos mecenas que financian a guía son de fóra de Galicia. Ademais é unha boa ferramenta para mercar viño fóra da nosa comunidade autónoma”, explica.
ATOMIZACIÓN
Para todo isto, os Paadín, Luís e o seu fillo Alejandro, tiveron que vencer a dificultade da ‘atomización’ do mapa do viño galego.
É un concepto que a Luís se lle semella ao da produción da Borgoña francesa, pequenas producións, pequenas parcelas, “fieis a un territorio. Galicia tamén é así”.
Paadín describe os factores que inflúen sobre os viñedos. Algúns son comúns, como o factor humano, as variedades...O solo é importante..., pero sobre todo “o factor do clima. En Galicia, témolo mellor representado que en ningún sitio. Un non ten máis que ir ás denominacións de orixe de Galicia para decatarse de que a climatoloxía é moi distinta, pola orientación dos vales e as distintas inclinacións. Isto permite facer viños diferentes. Non digo mellores, pero si viños de producións moi pequenas. Aquí non hai viños para consumo masivo. Os viños galegos téñense que elaborar en pequenas producións. O que ousase facer un viño galego representativo de toda Galicia non estaría no bo camiño, erraría”, sentencia Paadín.
PANDEMIA
Queremos saber cómo afectou a crise sanitaria e económica a esta edición da Guía Paadín. “A nivel guía non temos notado consecuencia ningunha. De feito, participaron máis viños que na edición pasada. Tamén a resposta nos eventos de presentación que tivemos para catar os viño foron moi positivos. Estamos contentos coa resposta”.
E segue Luís: “A Covid está a estragar a quen estaba a vender case exclusivamente á hostalaría. É terrible o que está a acontecer. Búscanse outras formas de comercialización. Espelimos máis na dixitalización. Os produtores e comercializadores están a darse conta de que cómpre que teñan unha imaxe máis internacional. Outros, co esforzo da Administración e das grandes cadeas de alimentación, conseguiron meter produto onde antes non estaba, nos lineais. É una fórmula que vén para quedar. Moitas adegas non querían estar neses lineais, pero terán que estar. Non ten nada de malo. O consumidor gusta de ir mercar a unha cadea de alimentación e non ten nada de malo que atope aí o viño, sempre que sexa ben tratado”, opina.
PERSOEIRO DE HONRA
Paadín está orgulloso do nomeamento da DO Ribeiro, a máis antiga de Galicia, como ‘Persoeiro de Honra’. “Pola entidade de quen me precederon. Para min pódense considerar o equivalente aos ‘premios Castelao’ de Galicia no mundo do viño. Os persoeiros antecesores, para o meu gusto, son do máis relevante, independentemente da repercusión mediática”.
“Eu pertenzo a moitas confrarías e de todas me sinto extremadamente satisfeito. A do Ribeiro ten ese plus e os ‘persoeiros de honra’ é un grupo pequeno e todos os que me precederon teñen todos os méritos do mundo para estar aí. Eu teño medo de que a partir de agora a cousa vaia a menos coa miña incorporación. Que sexa eu o detonante para baixar o listón. Non cabe dúbida de que estes galardóns son vistos polo sector como un dos grandes premios do mundo do viño en Galicia”.
Luís Paadín está agradecido e engaiolado co premio do Ribeiro. “Estou encantado. E sobre todo o que máis me gusta é que son transversal, que non son fillo dunha denominación de orixe, son fillo de Galicia. Se dicimos que somos o que comemos, eu digo que tamén somos o bebemos. Eu son galego! Desde O Rosal ata O Condado pasando polas Rías Baixas, O Salnés, indo a Monterrei, son considerado como un confrade máis desas confrarías. Estou tremendamente orgulloso deste feito”.
Luís aínda exulta máis. “Do que podo presumir é de ser profeta na miña terra. Quizais non sexa doado, pero para min si o foi. O mundo do viño estase a amosar extremadamente xeneroso comigo. O único sentimento que teño é de agradecemento para todos os que o conformamos”.
E non lle faltan proxectos á altura desta fin de ano 2020. Antes, entoa o ‘mea culpa’. “Nós empezamos este ano 2020, en xaneiro, rexeitando un traballo –perdón pola soberbia- porque tiñamos a axenda completa. Para delegar e non facelo ben, preferimos non facelo. Tiñamos todo a ano pechado con eventos e todo se nos foi das nosas mans...Cando queriamos pechar, había que retrasalo pola pandemia...e non se podía celebrar...”.
Agora para o 2021 ten pechada unha promoción de produtos gastronómicos, non só viño, coa edición dun libro e, posiblemente, un segundo.
Nos grandes proxectos Paadín inclúe un proxecto cara ao exterior co Instituto Español de Promoción Exterior, o ICEX, para traballar en conxunto coa Liga de Fútbol no estranxeiro facendo promoción de viños e produtos gastronómicos de toda España, e tamén de Galicia.
Logo ten dous ou tres proxectos máis para antes de que acabe a primavera que non pode desvelar, pero di deles que “son moi bos e necesarios para Galicia”.
Paadín está en plena forma. Así o atopamos en Salvaterra, de paso cara ao Ribeiro, para presentar a súa guía co a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, e o gran mestre da Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumantes, Antonio Alén. As circunstancias impuxeron que o acto tan só fose unha foto dos tres coas guías na man. Pero a xenerosidade de Luís con Diario Luso-Galaico foi esta entrevista que deixamos nas mans do lector.