Ten 72 anos e confesa que sempre foi gandeiro, “de toda a vida”. Lembra como fazaña persoal que facendo o servizo militar (1972) déronlle permiso para ir a Alemaña a ver unha granxas. Cuns veciños como socios, logo, montou unha granxa e despois dun anos, os que se foron xubilando, vendéronlle a súa parte. Hai uns catro anos a deixou para estar máis dispoñible como presidente da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña. Na súa peripecia vital figura tamén ser socio-fundador dunha cooperativa de pensos en Betanzos...Desde 2014, 2015 impulsa, desde a cooperativa, un proxecto que lle dá o leite un valor engadido. Trátase da elaboración de xeados naturais e artesáns, baixo a marca ‘Bico de Xeado’. A José María Calo, natural de Paderne, preto de Betanzos, quédanlle moitas batallas que guerrear...É un amante de Galicia e do movemento agrario. E promete: “Estou e estarei, mentres Deus me deixe...”.
Atende a Diario Luso-Galaico na sede de Bico de Xeado, no polígono de Bergondo, A Coruña. Alí se elaboran os xeados que logo van a máis de 20 puntos de venda en Galicia e por España.
Afirma que a dedicación aos xeados partiu dun fracaso, así, dun fracaso. A cooperativa conta con dúas granxas de gando onde producen leite e buscaban darlle un valor engadido. Primeiro, ensaiaron a venda na rúa de leite pasteurizado mediante expendedores. Pero “o consumo non era equilibrado”. E non había unha rendibilidade, así que houbo que deixalo.
Daquela una multinacional holandesa invitounos a visitar unha granxa en Tineo, Asturias, onde facían “xeados de granxa”. Mais non chegaron a acordo ningún, porque a multinacional quería vender todo aos franquiciados. “Gustounos a idea”. A partir de aí puxéronse en contacto cunha empresa italiana e foron ver a maquinaria de xeadería. Empezaron a elaborar xeados para a hostalaría baixo a marca dunha das súas granxas, Granxa o Cancelo. Estabamos en 2014, e un ano despois, nace a marca ‘Bico de Xeado’ abrindo o seu primeiro establecemento na Coruña.
“Nós procedemos do rural. Temos dúas granxas”. Alí faise tamén investigación, véndese o leite a outras empresas, como unha queixería de Lugo, e unha parte do produto é para os xeados “que son nun 50 por cento leite”. Danlle ao gando a alimentación axeitada para lograr uns xeados cremosos.
“Son totalmente naturais e artesáns e levan froita de proximidade”, explica Calo. En 2019 fixeron 380.000 litros de xeado, pero a pandemia diminuíu esta cifra en 2020, cando a xunta rectora da Cooperativa e o presidente fixeran a promesa de recompensar cun incentivo aos máis de 100 traballadores se chegaban aos 500 mil litros.
VALOR ENGADIDO
A teima desta empresa é querer darlle valor engadido ao leite que produce. “Galicia precisa moito de empresas que elaboren produtos con valor engadido. Producimos o 40% do leite de España. Pero non temos grandes industrias que envasen o leite líquido e os grandes centros de consumo están lonxe. Se elaboramos con valor engadido, imos utilizar o leite que producimos aquí, creamos postos de traballo e dotamos de valor engadido a nosa materia prima”.
Galicia Calidade
Hai pouco más dunha semana que entraron en Galicia Calidade. Calo apunta que este selo de calidade “recoñece todo un labor de equipo do bo facer con calidade. Isto dálles ánimos aos traballadores e ao Consello Rector”.
E engade: “A palabra Galicia vende”. E prevén advertindo que temos que seguir a traballar con calidade para non desmerecer esa xusta sona.
O presidente di estar a vivir “unha segunda xuventude”, rodeado dun equipo mozo onde a idade media non chega a 39 anos e onde as mulleres son maioría, o 70 por cento.
A motivación interior de José María Calo é “facer cousas por Galicia (...) Estou con moitas ganas de seguir”.
A pandemia frustrou a súa expansión por Portugal, tras unha feira en Porto. Pero o proxecto está na carteira e calquera día empezan abrindo un par de establecementos en dúas cidades importantes e en puntos concorridos delas, como marca a súa estratexia.
Invita a todos e todas a probar ‘Bico do Xeado’ e non lle importaría que o paren pola rúa e que lle digan non só o bo que están, senón algo que haxa que corrixir para mellorar o produto. Atense así a aquela publicidade de ‘busque, compare e se encontra algo mellor, mérqueo’.
Calo xa semella ser o ‘Ortega’ da agroalimentación.