Grandes resultados para Ponteareas no III Torneo Eixo Atlántico de Taekwondo celebrado esta fin de semana no Centro de Alto Rendemento de Vila Nova de Gaia.
Vinte mozos e mozas ponteareás estreábanse nesta competición transfronteiriza da que regresaron con 13 medallas, catro ouros, unha prata e oito bronces nas dez categorías de peso disputadas nas modalidades de cadete e júnior. Destacan os bos resultados obtidos en cadete feminino, no que as cinco representantes da vila obtiveron metal, quedando segundas clasificadas por equipos na categoría.
O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quere felicitar a todas e todos os deportistas participantes polo bo traballo e o alto nivel exhibido durante todo o campionato “e deixar o nome de Ponteareas en tan bo lugar”, así como pola boa convivencia co resto de deportistas galegos e portugueses participantes. O edil animounos a continuar por este camiño, “a seguir adestrando e gozando do deporte por riba de calquera competición”.