O Concello de Ponteareas presenta o Campionato Provincial Escolar de Taekwondo que se celebrará este sábado día 15 no pavillón municipal Álvaro Pino de Ponteareas.
A Federación Galega de Taekwondo elixe Ponteareas para a última proba do campionato provincial do que sairán as campioas e campións que competirán na fase autonómica.
A alcaldesa, Nava Castro, e o concelleiro de Deportes, Luis Rodríguez, recibiron no salón de plenos á Federación, representada por Francisco Tilve, e ao adestrador do equipo pontearéan, José Loren, para darlles a benvida e ultimar cuestións de organización.
O campionato abrirá as súas portas cunha sesión de exhibición de 09:00 a 10:00 horas na que participarán once equipos da provincia cun total de 120 deportistas. En palabras do adestrador, José Loren, a exhibición ofrecerá un espectáculo de movementos, defensa persoal, exercizos técnicos e ximnasia deportiva coordinada con música na que demostrarán o dominio desta arte marcial. Ás 11:00 horas comezarán os combates nos seis tapices nos que competirán preto de trinta clubs cun total de 248 deportistas das categorías infantil, precadete e cadete.
Francisco Tilve salienta a importancia das escolas deportivas que dan a oportunidade de coñecer deportes e espertar a curiosidade. Concepto co que coincide o concelleiro de Deportes de Ponteareas quen tendeu a man á Federación para “traballar xuntos en vindeiras citas deportivas”. Luis Rodríguez coincide na importancia do deporte base como promotor de hábitos de vida saudables.
A Federación Galega de Taekwondo súmase aos bos hábitos e á ecoloxía e cambia o material das manoplas por un reutilizable, “o deporte é aprendizaxe e non só o desenvolvemento de habilidades”. O Sport Club Factory e o Club Leam, ambos os dous de Ponteareas, participarán nesta proba na que non faltarán os saltos, as acrobacias, as torres e as coreografías.
A alcaldesa, Nava Castro, agradece o interese da Federación por Ponteareas e convida a toda a cidadanía a desfrutar de este espectáculo deportivo ao que poderán acceder todos os públicos. “Sempre é un pracer acoller estas probas deportivas que ademais permiten que centos de familias coñezan a nosa vila. Animo a todas as persoas a coñecer esta arte ao longo da mañá e da tarde do sábado”.
O Campionato Provincial Escolar de Taekwondo conta co apoio do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, de Xogade e da Deputación de Pontevedra.