A Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza organizan o V Ciclo de Xornadas de Industrias Musicais baixo o título Amplificando o directo: novos escenarios na contorna dixital. As citas, programadas para os sábados 13 de marzo, 17 de abril e 8 de maio, abordarán as posibilidades dos medios dixitais para o desenvolvemento das carreiras de artistas que emprenden no sector musical.
As sesións, nas que participa a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, incluirán un showcase dunha banda ou artista emerxente galega e poderán seguirse de xeito presencial, respectando as limitacións de capacidade marcadas pola lexislación no momento da súa celebración, e tamén a través de streaming.
Como novidade, nesta edición as xornadas serán itinerantes e mudarán da sede de Paideia na Coruña para desenvolverse no Salón Teatro e na Cidade da Cultura, en Santiago, e no Náutico de San Vicente, no Grove. Todas as sesións comezarán ás 12,00 e prolongaranse ata as 13,30 horas.
Así, o Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá o primeiro dos encontros Monetiza a túa música en liña o sábado 13, coa participación dos expertos na distribución de contido musical a través de plataformas dixitais Ana Biedma, A&R Label Manager en Altafonte, e Saúl Cabrera, director para España e LATAM en EmuBands. Moderado polo xornalista Luís Fraga, incluirá tamén a actuación da cantautora galega Sheila Patricia. As persoas interesadas en asistir poden realizar xa a inscrición a través da web da Fundación Paideia Galicia.
A seguinte xornada terá lugar no Edificio CINC da Cidade da Cultura o 17 de abril. Nela, Karen Saurí, produtora especializada en vídeos musicais na axencia audiovisual Canada, e Jesús Guisado, codirector do festival Monkey Week, afondarán no contido audiovisual no éxito musical. O derradeiro encontro será o 8 de maio no Náutico de San Vicente do Mar, no Grove, coa manager Rosa Lagarrigue e a experta en medios de comunicación e radiofórmula Sandra Rotondo. Ambas analizarán o desenvolvemento do talento no escenario dixital.
A través desta iniciativa, búscase promover o intercambio, o debate e a reflexión entre profesionais da industria musical, así como ofrecer ferramentas para o crecemento do sector e o fortalecemento da súa actividade emprendedora.