miércoles. 02.04.2025

O Concello de Tui iniciou a renovación das luminarias nos accesos á cidade, substituíndo 238 lámpadas de vapor de sodio por tecnoloxía LED. Esta medida, que inclúe as rúas Compostela, Casal Aboy e Maristas, supón un investimento de 61.500 euros de fondos propios e permitirá reducir as emisións de CO2 en máis de 51 toneladas anuais.

A substitución das lámpadas, que comezou a semana pasada, forma parte da aposta do Concello pola mellora da eficiencia enerxética e a loita contra o cambio climático. Ademais da redución de emisións, a medida suporá un aforro de 144.000 kWh/ano en consumo eléctrico, o que se traduce en 17.200 euros anuais nas facturas.

As novas luminarias LED teñen unha vida útil moito maior que as antigas lámpadas de vapor de sodio, o que tamén contribuirá a reducir os custos de mantemento. Do total de lámpadas substituídas, 139 están situadas na N-550, desde a Ponte de Magnolia en Rebordáns ata a rotonda de acceso á A55 en Guillarei; 83 na PO-304, desde Sombraboa ata Matelo; e 30 no centro urbano.

O Concello de Tui, membro do PACES – Plan de Acción por el Clima y la Energía Sostenible, comprométese así a alcanzar os obxectivos da Unión Europea de redución de gases de efecto invernadoiro e a promoción de medidas contra o cambio climático.

Tui renova o seu acceso con luminarias LED, reducindo emisións de CO2
Comentarios