O Concello do Porriño, no marco da campaña para dar a coñecer a Lei de Residuos, organizará o vindeiro 1 de abril, a partir das 19:00 horas, unhas xornadas de reciclaxe nas que se explicará en qué consiste o quinto contedor: o marrón. Durante a sesión, os asistentes recibirán indicacións e os materiais necesarios para facilitar e cumprir coa súa reciclaxe.
Todos os participantes recibirán cubos de biorresiduos de 10 litros, así como a chave necesaria para poder empregar os novos contedores que se instalarán nas rúas.
Esta campaña, impulsada polas concellerías de Medio Ambiente e Limpeza, leva en activo máis dun ano e ten como obxectivo principal conseguir que toda a cidade do Porriño recicle, conciénciese da xestión dos residuos e se converta nunha urbe máis limpa e sostible.
"É esencial que todos tomemos conciencia da importancia de separar e reciclar adecuadamente, non só para reducir a cantidade de residuos que enviamos aos vertedoiros, senón tamén para contribuír á saúde do medio ambiente", explicou a concelleira de Medio Ambiente, Antía Carrera.
"Compostar os restos orgánicos non só axuda a diminuír a cantidade de lixo, senón que tamén produce un abono natural que pode ser utilizado en xardíns e hortas, pechando así o ciclo natural", engadiu o concelleiro de Limpeza, Carlos González.
O Concello do Porriño aposta por este tipo de xornadas co obxectivo de promover unha sociedade máis concienciada co medio ambiente e facilitar que a cidadanía se familiarice coas novas opcións dispoñibles para a construción dun mundo máis sostible.