A Praza 8 de Marzo, na Avenida de Galicia, converterase no escenario do primeiro Fli-Po Market, unha iniciativa pioneira do Concello do Porriño para promover o consumo responsable. Durante a primeira fin de semana de maio, os asistentes poderán participar na compra, venda e intercambio de produtos de segunda man, ademais de gozar dunha ampla programación de actividades lúdicas, música en directo e oferta gastronómica.
O alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, destaca a importancia deste mercado como unha acción innovadora e comprometida co medio ambiente. “O Fli-Po Market supón unha oportunidade para concienciar á cidadanía sobre a importancia de reducir residuos e apostar pola reutilización, co obxectivo de converter O Porriño nun referente en iniciativas sostibles”, afirma.
O mercado abrirá as súas portas o sábado 3 de maio, de 11:30 a 22:00 horas, con participación de profesionais do sector. O domingo 4 de maio, o horario será de 12:00 a 21:00 horas, dirixido principalmente a particulares. Ambas xornadas contarán con espectáculos en directo, foodtrucks, obradoiros infantís e showcooking.
A concelleira de Mercados e Medio Ambiente, Antía Carrera Couselo, subliña que “este evento pretende dar visibilidade á economía circular e ofrecer unha alternativa sostible de consumo, especialmente no sector téxtil, un dos máis contaminantes”. Ademais, garante unha experiencia enriquecedora para os asistentes, con actividades para todas as idades.
As persoas interesadas en participar ofrecendo produtos de segunda man poderán presentar a súa solicitude ata o 18 de abril, de forma presencial no Rexistro do Concello ou a través da sede electrónica.
O Concello do Porriño anima á veciñanza a sumarse a este mercado sostible, contribuíndo así ao consumo responsable e á protección do medio ambiente.