Ponteareas consigue máis de tres millóns de euros do Instituto para Diversificación e o Aforro Enerxético (IDAE) dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica para a renovación total das instalacións de alumeado exterior en todo o concello.
Chus Garrote explica que novamente
Ponteareas vén de conseguir o apoio e a confianza do Ministerio e de Europa que
subvencionarán a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)
o cambio total de todo o alumeado tanto no casco urbano como no rural.
O IDAE aceptou as catro propostas
presentadas pola Concellería de Vías, Obras e Alumeado que suman 4.160.795€ e
concede a Ponteareas 3.332.635,8 euros. Chus Garrote en nome de todo o goberno
do BNG-PSOE amosa a súa satisfacción por este importate apoio conseguindo nesta
lexislatura que ven de comezar un respaldo económico de grande envergadura, “na
primeira lexislatura conseguimos os fondos da EDUSI para comezar a construir o
futuro de cambio de Ponteareas, nesta teremos o apoio para executar o cambio no
alumeado exterior na totalidade do concello o que supón a mellora da seguridade
vial ao aumentar a visibilidade, un aforro enerxético importante e
contribuiremos na redución de CO2 camiñando sempre baixo a estratexia
“Ponteareas, hábitat saudable” tamén financiada con fondos FEDER”.
Ponteareas pasará a unha economía baixa
en carbono co cambio do alumedo que se executará en catro fases para as que o
IDAE aportará 2.703.355 euros para afrontar o cambio no rural e 629.280,80
euros para o centro urbano.
No casco urbano actuará en 1301 puntos de luz substituíndo as
actuais luminarias provistas con lámpadas de baixo consumo, haloxenuro,
mercurio e sodio por luminarias LED máis eficientes, e actualizando 28 cadros
de mando para adaptalos á normativa vixente. Con esta actuación diminuirase a
potencia de 170,35kW a 67,31kW e conseguirase un aforro enerxético do 83,10%.
No
rural actuarase en 6.259 puntos de luz, en 127 cadros de mando e conseguirase
un aforro enerxético dun 83%, dando
cumprimento aos compromisos adquiridos coa veciñanza.
Pola súa banda o concello terá que
aportar preto dun millón de euros para completar o financiamento destes
proxectos.
Chus Garrote engade que nos vindeiros
meses comezarán a redacción dos proxectos e traballarán de xeito transversal
con todas as concellerías para executar obras planificadas capaces de dar un
servizo óptimo no futuro e que teñan sempre en conta as suxestións e
necesidades trasladadas pola veciñanza a través de reunións, achegas ou
procesos participativos.