Oito mozas e mozos integrantes do Servizo de Voluntariado do Concello de Ponteareas participan estes días na localidade croata de Malino no proxecto de intercambio xuvenil ‘Actúa localmente, pensa globalmente’, unha iniciativa financiada polo programa de mobilidade Erasmus+ que ten por obxectivo sensibilizar á mocidade participante sobre a importancia da diversidade cultural dentro das comunidades e os seus beneficios, potenciando iniciativas dirixidas a fomentar a tolerancia, a solidariedade e unha verdadeira inclusión social.
Acompañados pola técnica da oficina de voluntariado municipal, Rocío Márquez, en colaboración coa Asociación Sociocultural Aporía, socia do proxecto, este oito rapaces e rapazas intercambiarán experiencias dende o 8 ata o 15 de novembro con outros mozos e mozas de entre 18 e 29 anos de organizacións locais procedentes de Turquía, Romanía, Grecia, Croacia e República de Macedonia.
Aloxados en casas hobbit ecolóxicas rodeadas cunha contorna natural e ambientalmente sostible, durante estes días os e as participantes mergullaranse nunha metodoloxía baseada nos fundamentos da educación non formal, traballando en grupo e fomentando o diálogo intercultural, o aprender facendo de xeito creativo e a reflexión persoal, entre outros aspectos. Durante estes días, estes mozos e mozas “desenvolverán propostas de participación xuvenil que se poderán aplicar nas súas propias localidades de residencia, creando ademais sinerxías para proxectos futuros”, explica o concelleiro de Voluntariado, Miguel Bouzó.