A alcaldesa de Mos,
Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Recollida de Residuos, Gonzalo
Alonso, fixeron hoxe balance das porcentaxes de reciclaxe da veciñanza mosense
no último ano, aportando datos de incremento moi positivos.
Rexedora local e
edil de Recollida de Residuos informaron de que, “tras facer cálculos de
reciclaxe por habitante durante o ano 2019 e en comparativa co ano anterior,
nas estatísticas apréciase un incremento de reciclado por habitante de ata os
36,19 quilos por habitante e ano, o que representa un incremento do 17,37% no
volume de reciclaxe con respecto ao ano 2018 (30,83 quilos por habitante e
ano)”.
Destaca así mesmo o
importante incremento no reciclado en todas as partidas: un 16,23% en envases
lixeiros, un 20,68% en papel e cartón; e un 15,29% en vidro. Polo que Arévalo e
Alonso agradécenlle á cidadanía “o seu esforzo para acadar tan bos e
esperanzadores datos”.
Aínda que queda
moito camiño por andar e siguen existindo verquidos incontrolados no municipio,
o certo é que as cifras de reciclaxe suben en todos os seus parámetros. Tamén
melloraron os datos de 2019 respecto de 2018 en orgánica, voluminosos e outros;
e vexetais-podas. En orgánica o incremento foi do 2,18%, en voluminosos do
34,35% e en podas do 189%.
“Cada vez estase reciclando
máis en Mos e esa é unha moi boa nova para este municipio que ademais está
adherido ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía e moi sensibilizado coas
políticas medioambientais” declararon os representantes municipais. O
concelleiro Gonzalo Táboas informou ademais de que actualmente desde o seu
departamento estanse a revisar todas as parroquias para reforzar os puntos de
recollida de residuos para repoñer e aumentar o número de colectores e incluso
crear novos emprazamentos de ser necesario.
Táboas aproveitou
ademais para lembrar o servizo de Punto Limpo no Polígono da Veigadaña, aberto
ao público de luns a venres de 10 a 14 horas e de 16.30 a 20.30 horas e os
sábados en horario matinal de 10 a 14 horas. E recordou tamén que a empresa
concesionaria do servizo municipal de recollida de lixo conta cun teléfono para
solicitar a recollida a domicilio de enseres voluminosos e restos de poda, o
900 720 190, operativo de luns a venres de 9 a 13 horas.
Para continuar
nesta liña ascendente as concellerías mosenses de Recollida de Residuos e Medio
Ambiente Sostible que dirixen os edís Gonzalo Táboas e Leo Costas,
respectivamente, iniciarán conxuntamente coa empresa de recollida de lixo,
Urbaser, unha campaña de sensibilización que comezará entre finais de abril e
principios de maio. Constará de charlas didácticas sobre reciclaxe que serán
impartidas nas asociacións das 10 parroquias do Concello de Mos.