A Eurocidade Tui-Valença asinará mañá en Lisboa o Acordo de Constitución da Rede España-Portugal de Cooperación Transfronteiriza. O alcalde, Enrique Cabaleiro, viaxará até a capital lusa para estar presente no acto de sinatura de dito Acordo, que foi concertado no pasado cumio luso-español.
A súa finalidade é reforzar a cooperación entre as rexións de fronteira, sobre todo en materias como asistencia sanitaria, mobilidade, traballadores transfronteirizos, infraestruturas ou protección civil. A través deste Acordo abordaranse as problemáticas existentes e a xestión e captación de recursos e fondos europeos para estas zonas limítrofes.
A Eurocidade Tui-Valença será a única agrupación de municipios transfronteiriza en asinar este documento en Lisboa. O EURES Transfronteirizo Tui-Valença, tamén estará presente xunto a outras institucións como a AECT Rio Minho, a AECT Galiza-Norte Portugal e o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, entre outras do resto da Península Ibérica.
Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, destaca que este Acordo permitirá acceder a recursos e fondos europeos e artellar unha rede de instrumentos de cooperación transfronteiriza. O rexedor tamén apunta á relevancia que esta sinatura terá para a cidade tudense e a Eurocidade xa que gran parte das obras de equipamentos públicos e as humanizacións que se están a desenvolver arestora son posibles, en parte ou na súa totalidade, pola achega de fondos europeos.