A programación das Xornadas Europeas da Cultura Xudía da Rede de Xuderías de España, inclúe actividades e eventos para todos os públicos, que se desenvolverán en Tui e Valença, baixo a denominación de: 'Rutas Serfardís'.
Esta mañá a Sala de Concelleiros da Casa do Concello de Tui acolleu a presentación das 'Rutas Sefardís'. Un programa de actividades para conmemorar as Xornadas Europeas da Cultura Xudía, que correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Turismo e Patrimonio, Laureano Alonso xunto co vereador de Cultura da Cámara de Valença, José Monte.
As actividades se realizarán dende o 5 ate o 18 de setembro na Eurocidade Tui–Valença. Por primeira vez haberá eventos no que participen “dous Concellos de dous países distintos”. Eran as palabras do concelleiro de Turismo e Patrimonio Laureano Alonso, quen apuntou que a finalidade é por en valor o patrimonio xudeu destas dúas vilas. Na presentación, o edil amosou o seu interese porque nun futuro, Valença poida formar parte da Rede de Xuderías de Portugal.
O concelleiro Laureano Alonso fixo mención especial á guía turística das rutas polas xuderías de Tui. Un traballo realizado pola xornalista Alejandra Abulafia, e editado pola Rede de Xudarías de España, que xa está dispoñible para a súa descarga.
As Rutas Sefardís por Tui e Valença comezarán este sábado ás 12.30 h dende o Museo Diocesano de Tui e se levarán a cabo tanto en Tui coma en Valença, até o domingo 13 de setembro.
A cociña xudía tamén estará representada nestas xornadas. Será coas rutas Gastronómicas Sefardís. Poderase degustar o bacallau, alimento moi apreciado na cociña sefardí e que ten gran presenza actualmente tanto na cociña portuguesa coma galega. Participarán un total de 21 restaurantes de Tui e 9 de Valença.
Ademais destas rutas e visitas, están programados dous concertos de música sefardí a cargo de Carmen Penín e Maurizio Polsinelli. Un deles será en Tui o sábado 5 de setembro no conxunto histórico da cidade e o outro na Fortaleza de Valença.
Para calquera destes eventos o aforo está limitado até completar as prazas, co fin de cumprir coas medidas e protocolos COVID-19.