A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acudiu a Vilagarcía de Arousa para participar na Presentación do Tren Turístico Ruta das camelias, cita programada dentro da campaña dos Trens Turísticos de Galicia 2023, iniciativa levada a cabo coa colaboración de Renfe e Inorde.
Segundo indicou a directora de Turismo de Galicia, a ruta da camelia en flor, constará de dúas saídas desde Santiago, a de hoxe e outra o vindeiro día 25 mes. Servirá para dar a coñecer en plena floración eses xardíns de excelencia na que a camelia é a flor protagonista. Cun máximo de 100 pasaxeiros por saída, os participantes terán o pracer de visitar 3 xardíns que contan coa certificación de Excelencia Internacional.
Na iniciativa levada a cabo durante este ano son 14 os itinerarios ofertados con 34 saídas, entre os cales se atopan dúas novidades con respecto á tempada anterior: esta Ruta das camelias en flor e a Ruta experiencia Museo Estrella Galicia na Coruña.
En primeiro lugar, o Pazo Quinteiro da Cruz, un verxel no corazón do Salnés. Nel florecen máis de 5.000 exemplares de camelias de máis de 1.500 variedades, entre elas a sinensis, a partir da cal elaboran o seu propio té, que o viaxeiro poderá degustar. A continuación, no castelo de Soutomaior coñecerase o seu xardín de camelias con nomes de muller: Rosalía de Castro, María Casares ou a Bela Otero.
Finalmente, visitarase o Pazo de Rubiáns, cuxos xardíns naceron no século XVII e ao que se foron incorporando magnolios, criptomerias ou araucarias. Conta con máis de 800 variedades de camelias e unha leira de albariño, que se degustará ao acabar a visita.