viernes. 22.11.2024

Galicia pechará o mes de outubro cun número de Compostelas seladas no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino similares ás do mes de xullo, o que confirma a reactivación do Camiño de Santiago máis aló dos meses de verán.

Así o confirmou este sábado o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, desde o Camiño do Norte, onde percorreu algúns tramos da ruta: “Se funciona o Camiño, o turismo en xeral benefíciase”, dixo. Engadiu que son moitos os que están a aproveitar a Ponte de Todos os Santos para botarse a andar, polo que “atopamos peregrinos case cada quilómetro”. O vicepresidente primeiro incidiu en que “Galicia está de moda” e que a recuperación turística deste ano anuncia para o 2022 “un Xacobeo espectacular”.

Ata o día 28 seláranse case 29.000 Compostelas no mes de outubro, pero onte, día no que arrancou a ponte, xa foran máis de mil os peregrinos que chegaron a Santiago nunha soa xornada, o que fai prever que finalizado o mes e os días festivos, o número de camiñantes será similar aos rexistrados en xullo, que pechou con 33.963 credenciais. E todo iso sen ter en conta que son máis os peregrinos que fan o Camiño que os que selan a Compostela no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino.

O ritmo de peregrinos nos últimos meses confirmou a boa saúde do Camiño con preto de 165.000 peregrinos que chegaron a Santiago no que vai de ano e selaron a súa credencial. Esta cifra acadouse desde abril xa que no primeiro trimestre do ano, debido ás restricións sanitarias, practicamente non houbo movemento nas rutas.
Xa son 25.000 máis que as 140.000 Compostelas coas que a Xunta tiña previsto pechar este ano, unha cifra que se acadou xa a comezos de setembro. E o vicepresidente primeiro non desbota pechar o mes con 170.000, “o que sería un moi bo sinal de que o Camiño está a coller moita forza”, indicou Rueda.

A maior parte dos peregrinos que completaron o Camiño neste ano son de orixe nacional, máis do 74%, por mor situación sanitaria. Debido á proximidade con Galicia, Portugal é outro dos destinos que máis peregrinos achega, o 6% do total. De cara ao 2022, tamén Ano Xacobeo, agárdase a reactivación da peregrinación internacional e mellorar aínda máis as cifras deste exercicio. De feito, nos últimos meses xa se está a notar a presenza de peregrinos doutros países. Ademais de Portugal, destaca o peso de Italia, de onde proceden máis do 4% de camiñantes, xunto con Alemaña, Francia e mesmo Estados Unidos, que se atopan entre as nacionalidades máis frecuentes dos camiñantes que rematan o Camiño na Catedral compostelá.

O Camiño Francés continúa como a ruta maioritariamente elixida polos peregrinos que camiñan a Compostela, escollida polo 55% dos camiñantes. En segundo lugar sitúanse o Camiño Portugués e a súa variante pola Costa, a cuarta parte do total. O Inglés, o Primitivo e o do Norte completan o ránking dos itinerarios máis escollidos polas persoas que este ano camiñan a Galicia no marco da celebración deste Ano Santo. Nos tres casos supoñen practicamente o 6%.

Neste Xacobeo 21-22, o Goberno galego continuará a levar a cabo as medidas necesarias para ofrecer a mellor imaxe de Galicia a turistas e peregrinos. A Xunta xa traballa na posta en marcha dun novo Plan Director dos Camiños 2022-2027 e levará a cabo as actuacións de mantemento e embelecemento necesarias nas rutas xacobeas, xunto coa ampliación da rede pública de albergues co obxectivo de contar neste Ano Santo con 78 albergues, ademais de acondicionar as infraestruturas xa existentes.

O traballo da Xunta nos meses máis duros da pandemia para reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro cun Camiño seguro materializouse nunha realidade grazas tamén a iniciativas pioneiras para recuperar a confianza dos viaxeiros, como o seguro coronavirus ou a promoción da comunidade coa campaña Camiña a Galicia.

Ademais, o Camiño de Santiago ofrece, ao igual que o conxunto da comunidade, a oportunidade de desfrutar dun turismo tranquilo e sen masificacións en espazos abertos e en contacto coa natureza, que é o que máis están a demandar os visitantes. Así, a seguridade, a calidade e a sostibilidade son os piares sobre os que se asenta o Plan Director Galicia Destino Seguro 2021-2023 no que a Xunta traballa da man do Clúster Turismo de Galicia e as tres universidades galegas para deseñar o futuro modelo do turismo galego.

De maneira paralela á reactivación do Camiño de Santiago, a mensaxe de Galicia como destino seguro e de calidade permitiu ademais que a comunidade galega estea de moda. No mes de agosto Galicia foi o único destino nacional en superar as cifras prepandemia e o pasado setembro situouse como a segunda con máis noites e a terceira con máis viaxeiros respecto a 2019, 25 puntos por riba da media nacional e practicamente con datos similares aos previos á crise sanitaria da covid.

“Se funciona o Camiño, o turismo en xeral benefíciase”, dixo Rueda