A Xunta de Galicia vén de lanzar un novo programa de formación en liña dirixido ao sector turístico coa intención de dar a coñecer a utilidade de distintas ferramentas de intelixencia artificial no eido turístico.
Baixo o nome Descubre o poder da Intelixencia artificial na empresa turística de Galicia, terá 21 horas de duración en sete sesións de tres horas cada unha, que comezarán o vindeiro mércores 13 de marzo e se desenvolverán ata o 29 de abril.
É gratuíto, dirixido a directivos, emprendedores e propietarios de empresas turísticas e as inscricións pódense realizar a través de web de Turismo de Galicia
A intención é posicionar ás empresas turísticas galegas na vangarda da innovación dixital, para o que se ofrecen 100 prazas. Está dirixido a emprendedores, directivos ou xefes de departamento de empresas do sector turístico galego (axencias, aloxamentos…). As persoas interesadas poden inscribirse e obter máis información a través da web de Turismo de Galicia.
O programa afondará, entre outras cuestións, no novo universo que nace da man da intelixencia artificial enfocado desde a perspectiva da empresa turística. Para iso, analizarase como a Intelixencia Artificial, incluídas as ferramentas avanzadas como ChatGPT de OpenAI e as solucións de Google IA, poden ser catalizadores de innovación e eficiencia na xestión turística.
O plan enmárcase no traballo levado a cabo por Turismo de Galicia para impulsar a formación do sector a través de ferramentas que permitan que os profesionais melloren a súa xestión e venda dos seus produtos e servizos. Xunto a esta iniciativa, tamén están xa en marcha distintos cursos online en idiomas (inglés, francés, alemán, italiano, portugués, francés así como de lingua de signos.