A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá na conferencia inaugural da cuarta edición do Fórum do Camiño de Santiago, FairWay, centrada no turismo e a sustentabilidade, na que destacou a aposta da Xunta por un Camiño sostible no marco do Plan Director do Camiño de Santiago en Galicia 2015-2021, co obxectivo de dar resposta ás demandas dos peregrinos que camiñan a Galicia neste Xacobeo 21-22.
Entre as actuacións levadas a cabo polo Goberno galego no marco deste plan destacou medidas de accesibilidade, eficiencia enerxética e coidado medioambiental en canto á xestión de recursos hídricos ou enerxéticos nas infraestruturas de acollida e puntos e centros de información ao peregrinos, ademais da implantación de sinalización accesible e novas tecnoloxías nos albergues.
Ademais, lembrou o traballo feito pola Xunta para contar cun Camiño Seguro, o que permitiu a súa reactivación e superar tódalas expectativas con case 170.000 Compostelas no que vai de ano, cando a previsión de pechar 2021 por riba das 140.000 xa se acadaron en setembro. Así, puxo como exemplo a posta en marcha do seguro coronavirus para turistas e peregrinos, o acondicionamento e embelecemento das rutas xacobeas, a ampliación e reforma dos albergues públicos co obxectivo de contar neste Ano Santo con 78 infraestruturas e a súa adaptación ás medidas de prevención ante a covid-19, ademais da mellora da sinalización e seguridade viaria e a rehabilitación dos Bens de Interese Cultural (BIC) do Camiño.
Por iso, a directora de Turismo engadiu que aos 85,6 millóns deste ano destinados á celebración do Xacobeo se sumarán este ano outros 85,8 millóns para seguir a avanzar na conservación, a dixitalización do Camiño, melloras nos albergues e a celebración do Ano Santo, que está chamado a ser o motor da recuperación económica de Galicia.
Nava Castro participou nesta feira especializada nos mercados que se moven ao redor das rutas xacobeas que conta con 80 expositores nun espazo de 1.800 metros cadrados na que se prevén ata o martes 2.000 reunións entre profesionais trala xornada de portas abertas ao público no OpenDay de onte co que dar a coñecer o Camiño de Santiago.