O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na presentación do stand ...E para comer, Lugo que a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (APEHL) levará do 19 de agosto ao 11 de setembro polas 21 etapas de La Vuelta. Así, puxo en valor esta iniciativa como vía para promocionar a oferta gastronómica e turística da provincia lucense a nivel internacional entre todos os visitantes que atrae a proba raíña do ciclismo en España.
Á presentación tamén acudiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o representante da APEHL, Jacobo García-Bobadilla Prósper, o director xeral de La Vuelta, Javier Guillén, e representantes dos concellos de Quiroga e Sober.
Diego Calvo destacou tamén a importancia do turismo vinculado á gastronomía e ao deporte como elementos que contribúen a identificar e diferenciar a oferta turística e consolidar Galicia como un destino de calidade e sostible.
Con este expositor de ...E para comer, Lugo -sinalou- promoverase a través de degustacións ou da súa guía anual os produtos de calidade e os puntos de interese turístico da provincia lucense nun evento de grande impacto mediático e de relevancia internacional.
De feito, segundo sinalou, a gastronomía é un reclamo turístico e, ademais, o segundo motivo polo que os visitantes escollen Galicia para viaxar. O primeiro deles é a natureza, que tamén se pode descubrir a través da práctica do deporte.
Na mesma liña, o vicepresidente segundo lembrou que Galicia é ademais referente canto ao turismo deportivo con grandes eventos internacionais celebrados ao longo do ano en distintas disciplinas.