O Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia continúa atraendo peregrinos, incluso en fins de semana coma esta nas que os peregrinos tratan de gozar dos encantos gastronómicos, paisaxísticos e culturais da nosa ría entre treboada e treboada. Este é o caso dos máis de medio cento de persoas pertencentes á sección de A Coruña do Caravaning Club Galicia, que onte venres comezaron en Portosín a súa peregrinación a Compostela.
Unha partida que tivo lugar cunha “xurelada” celebrada no Real Club Náutico de Portosín, en colaboración coa Cofraría de Pescadores da localidade. Hoxe sábado iniciaron o Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia visitando a vila de Noia e o enclave de Toxosoutos (Lousame). Os membros do Caravaning Club Galicia amosaron moito interese polo Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia, polo que unha guía os acompañará en todo momento para explicarlles as especiais características desta ruta xacobea. Así mesmo, amosaron un gran interese pola versión do Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia, polo que é moi posible que nun tempo volvemos desfrutar da súa presenza.
Despois de chegaren a Compostela e visitaren a catedral e a súa contorna, está prevista a súa volta á Ría de Muros Noia para visitaron o Museo das Minas de San Finx (Lousame) e o Estaleiro Ciprián (Outes). A peregrinación rematará como comezou, cunha cea no Real Club Náutico de Portosín. Esta visita do Caravaning Club Galicia é unha mostra do “peregrino tipo” que recolle o Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia: grandes grupos organizados, procedentes de distintos puntos de España e que están máis interesados en gozar da experiencia do Camiño e das súas riquezas culinarias, medioambientais e patrimoniais que da obtención dun documento que acredite a súa peregrinación.