A Xunta anima a percorrer o Camiño de Santiago e, especialmente, o Camiño Portugués como garante de itinerario seguro en tempos de pandemia. Así o asegurou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, na súa intervención na presentación do Camiño de Santiago-Camiño de Torres que tivo lugar na Cidade da Cultura.
Invitado pola CIM Alto Minho, organizadora do evento, Jesús Gamallo puxo en valor o traballo feito pola Xunta de Galicia para que viaxar a Galicia e, especialmente facer o Camiño, sexa unha experiencia segura. Por iso invitou a percorrer, sobre todo, o Camiño Portugués, porque os peregrinos estranxeiros que entren en Portugal e España deberán dispoñer dun certificado dixital covid da Unión Europea ou dunha proba PCR e porque Galicia protexe aos seus peregrinos e turistas co seguro coronavirus.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa EU, como responsable da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, resaltou o proxecto “Facendo Camiño”, actualmente en execución, porque “contribúe á protección e posta en valor das rutas portuguesas do Camiño de Santiago na Eurorrexión”. Cun investimento de máis de 600.000 euros, tem como principal obxectivo “impulsar o aproveitamento sostible do Camiño como recurso patrimonial cultural e natural transfronteirizo capaz de contribuír ao desenvolvemento socioeconómico de cada territorio”, subliñou Jesús Gamallo.
Gamallo manifestou tamén o apoio da Xunta ao proxecto Camiño de Torres “porque contribúe a defender os valores xacobeos, porque supón alternativas que desconxestionan os camiños máis tradicionais” e, sobre todo, “porque supón un apoio ao rico patrimonio cultural que representa”.
Na súa intervención, o director xeral de Relacións Exteriores e coa EU mostrou a súa satisfacción pola progresiva recuperación de peregrinos no Camiño, que nesta semana superará os 15.000 anuais, se ben fixo unha chamada á precaución porque “a batalla contra a covid non está aínda gañada”.