jueves. 05.12.2024

A Xunta de Galicia suspende desde hoxe e mentres dure o actual estado de alarma polo Covid-19, todas as autorizacións outorgadas para poder acceder ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas así como á Praia das Catedrais durante estas datas. Así mesmo, péchase tamén nas correspondentes aplicacións web a posibilidade de solicitar novos permisos de acceso a ambos espazos naturais para os días da Semana Santa afectados pola prórroga do decreto de declaración do estado de alarma.

Por outra banda, con relación ao acceso ás Catedrais durante a vindeira Semana Santa, un dos períodos do ano nos que as visitas á praia do monumento natural están restrinxidas a un máximo diario de persoas e previa solicitude de autorización, a suspensión afecta tanto aos permisos outorgados ata o momento para visitar a zona, como ás reservas de visitas guiadas que ofrece o Goberno galego neste período.

A decisión da Xunta faise efectiva coincidindo coa publicación hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE) da prórroga do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, e que implica a prolongación de todas as restricións e medidas preventivas adoptadas en materia de saúde pública ata o vindeiro 12 de abril ás 00.00 horas.

Neste sentido, cómpre lembrar que unha das primeiras decisións acordadas polo Centro de Coordinación Operativa (Cecop) no ámbito das competencias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, foi restrinxir desde o 16 de marzo todas as actividades de uso público no ámbito do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, tales como o desembarque ou a realización de actividades recreativas. A suspensión das autorizacións de acceso xa outorgadas e da tramitación doutras novas para visitar as illas mentres perdure o estado de alarma, vai na mesma liña de prevención.

A Xunta suspende as autorizacións de acceso para visitar as Illas Atlánticas e a Praia...