viernes. 22.11.2024

A Xunta de Galicia está a executar as obras de restauración da igrexa de San Martiño de Lousada, en Samos, adxudicadas por preto de 200.000 euros cun prazo de execución de seis meses.

O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, estivo hoxe en Samos para comprobar a marcha dos traballos, que, segundo lembrou, teñen por obxecto solucionar as deficiencias que presenta o inmoble, recuperar o seu uso para o culto e mellorar a accesibilidade do adro.

O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha dos traballos, que avanzan a bo ritmo e teñen unha duración prevista de seis meses.

As obras comezaron hai aproximadamente un mes e avanzan a bo ritmo. Neste momento xa está desmontada a estrutura da cuberta e esta semana está previsto comezar a instalar a nova. Ademais, xa se comezou cos labores de reconstrución dos paramentos da igrexa e coas tarefas de escavación e limpeza no exterior para pavimentar o adro e para facer unha drenaxe perimetral.

Arias salientou que desde a Xunta “estamos a redobrar esforzos para amosar a nosa mellor imaxe de cara ao vindeiro Xacobeo, coa confianza de que supoña un importante pulo económico para a provincia de Lugo e para o resto da Comunidade”.

As obras proxectadas inclúen a consolidación das fábricas, tanto de muros como de arcos, para desolverlles unha correcta funcionalidade estrutural; a execución unha nova cuberta, conservando a tipoloxía estrutural e os materiais autóctonos; e a realización dunha drenaxe tanto perimetral como no interior do edificio, co fin de illar o pavimento do interior das humidades do terreo.

Así mesmo, está previsto efectuar unha revocadura con morteiro de cal das paredes, tanto no interior como no exterior; acometer unha nova instalación eléctrica e de iluminación; levar a cabo a restauración do campanario e os sinos e acondicionar o acceso a través do adro.

A igrexa de San Martiño de Lousada é un ben catalogado protexido polo seu valor cultural ao estar incluído no Inventario das Normas Subsidiarias Provinciais de 1991. A intervención enmárcase nun convenio de colaboración entre o Goberno autonómico e a Diocese de Lugo para executar obras de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa esta igrexa samonense, no seo do Camiño Francés.

A igrexa de San Martiño de Lousada, en Samos, restaurase "para amosar a nosa mellor...