A Cátedra de
Hidroloxía Médica Universidade de Santiago-Balnearios de Galicia promove o
ciclo “A saúde é o que importa”. Está destinado a difundir entre a sociedade o
valor terapéutico das augas mineromedicinais, en colaboración coa Fundación
Araguaney.
Mañá mércores, ás 20.00 horas, celebrarase a primeira sesión desta segunda edición do ciclo, que se poñía en marcha en 2019. Terá lugar en Santiago, no Hotel Araguaney (salón Rahid), con entrada libre ata completar aforo. Comezará cunha mesa redonda na que se abordarán as indicacións actuais da cura termal na patoloxía das vías respiratorias superiores, na patoloxía venosa e linfática e na fibromialxia.
A mesa estará moderada polo director da Cátedra, o doutor Juan
Gestal. Nela intervirán os doutores Carlos Martín Martín, xefe do
Servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago
(CHUS); Manuel Martínez Pérez, profesor de Anxioloxía e Cirurxía
Vascular; e Jesús Figueroa Rodríguez, xefe do Servizo de Rehabilitación
do CHUS. Estes expertos manterán ademais un coloquio posterior co público asistente.
A balneoterapia logra reducir a dor nos
pacientes con fibromialxia
O doutor Jesús Figueroa, xefe do Servizo de
Rehabilitación do CHUS, indica que “a fibromialxia é unha síndrome de dor crónica
que é bastante prevalente. Afecta a entre o 2 e o 2,5% da poboación española,
sobre todo a mulleres. Caracterízase por unha dor xeneralizada en todo o corpo,
rixidez matutina, trastorno do sono e alteración psicolóxica do paciente, día
tras día”. O doutor salienta que esta doenza non ten cura, polo que cómpre recorrer
á combinación de tratamento farmacolóxico con outro tipo de tratamentos
complementarios.
Dentro dos
tratamentos non farmacolóxicos máis eficaces, o experto destaca os beneficios da
balneoterapia e a hidrocinesiterapia, que consiste na realización de exercicios
na auga. Asegura que existen evidencias científicas de que a balneoterapia logra
aliviar a sintomatoloxía destes pacientes, en particular no relativo á
diminución da dor, conséguese unha importante melloría na súa funcionalidade e tamén
no seu estado psicolóxico e, en consecuencia, mellora a súa calidade de vida.
“A balneoterapia
é un bo tratamento, axuda a sobrelevar a enfermidade, minimiza o seu impacto” -manifesta
o doutor Figueroa-. Afirna que “as propiedades mecánicas e químicas das
augas mineromedicinais, xunto ao seu efecto térmico, son as causantes destes magníficos
resultados”.
A balneoterapia é moi efectiva en
doenzas vencelladas ás vías respiratorias
O doutor Carlos Martín, xefe do Servizo de Otorrinolaringoloxía
do CHUS,sinala que “o tratamento termal
resulta moi efectivo tanto no eido da neumoloxía como no da otorrinolaringoloxía.
As vías respiratorias benefícianse directamente da acción mecánica das augas
mineromedicinais, limpando as secrecións que se orixinan nas mesmas. Por outro
lado, favorecen a vasodilatación, de xeito que o sangue chega ás paredes das
mucosas, reparando as lesións que se poidan ter producido nelas. Ademais,
aumenta a acción directa dos anticorpos sobre a parede mucosa das vías respiratoirias,
polo que a cura termal tamén posúe un efecto inmunolóxico”.
O doutor salienta
que as augas sulfuradas e bicarbonatadas, moi presentes nos balnearios da
comunidade galega, son as que están especialmente indicadas para o tratamento
dos trastornos de tipo respiratorio. As sulfuradas recoméndanse para as infeccións
crónicas e agudas, mentres que as bicarbonatadas teñen unha acción particular
sobre os procesos alérxicos. Pola súa parte, as augas cloradas estimulan a secreción
e a regulación da mucosidade nas vías respiratorias.
O doutor Martín
explica que este efecto é beneficioso tanto para adultos como para nenos. E apunta
que o 30% das persoas que acuden a un balneario por unha enfermidade crónica
fano por afeccións nas vías respiratorias. Incide ademais no feito de que a
hidroterapia é unha parte importante do tratamento destas afeccións, que axuda
ao tratamento médico habitual.
Os expertos aseguran que tratamento con
augas mineromedicinais axuda a mellorar a insuficiencia venosa
Pola súa
parte, o doutor Manuel Martínez, profesor
de Anxioloxía e Cirurxía Vascular, pon de manifesto que “a terapia termal para abordar
as patoloxías venosas e linfáticas é unha medida paliativa e non curativa, que
permite mellorar os síntomas clínicos propios desas doenzas. O tratamento con
augas mineromedicinais unha ou varias veces ao ano, en función da patoloxía,
poder ser moi beneficioso”.
Segundo o experto,
a terapéutica termal mellora esas molestias, resulta de grande utilidade en
todos aqueles casos nos que a sintomatoloxía do paciente teña a indicación do
apoio termal, mediante a utilización dunha serie de técnicas de hidroterapia
que contribúen ao bo funcionamento do sistema venoso e linfático. Así, “o tratamento
con augas mineromedicinais axuda a mellorar a insuficiencia venosa e contribúe
en xeral a que os pacientes teñan unha mellor calidade de vida” -afirma-.