A Xunta de Galicia acaba de facer pública a resolución de concesión de 500.000 euros en axudas ao sector audiovisual galego para o desenvolvemento de 21 novos proxectos de cinema e televisión que se atopan na súa fase de preprodución. Este investimento será destinado polas 20 empresas adxudicatarias a financiar diferentes traballos previos encamiñados a preparar a futura produción e rodaxe destes títulos.
Apóianse, en concreto, 14 novas propostas de longametraxes cinematográficas e sete de series televisivas, entre as que se distribúen contías que van dos 14.500 aos 30.000 euros para levar a cabo labores relacionados co guión, dereitos de autor ou propiedade intelectual, financiamento, venda e distribución, xestión de dereitos, investigación, elaboración de materiais de promoción, gastos de asesoría ou consultaría, alugueiro de espazos de traballo e outros que teñan lugar na fase anterior á filmación.
APOIO
A finalidade destas axudas, que veñen de ampliar a súa dotación en 200.000 euros en colaboración co Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), é acompañar economicamente as produtoras galegas desde a fase inicial de preparación dos seus novos proxectos, cos que nos anos seguintes poderán optar así mesmo ás subvencións autonómicas para produción e coprodución audiovisual e para difusión en foros de negocio e festivais.
Na modalidade de desenvolvemento de proxectos de longametraxes cinematográficas, as beneficiarias son Abano Producións con Chocó (e a selva máxica), Agallas Films con Xoguemos a galgos, Arraianos Producións con Graham Greene por España e Portugal, Maruxiña Film Company con Frío, Mordisco Films con Merlo branco, Noveolas Producciones con Cine Paraíso, Leiro, Ollo Vivo con Notas entre silencios, Sétima con Juliette e Camille, Sun Lúa con A senda escura, Vaca Films con Finisterre e con Kabul 2015, Zeitun Films con Grieta, Xavier Font con Petróleo e Xiana Gómez con Comando Igualdade.
En canto ao apartado destinado ao desenvolvemento de futuras series para televisión e plataformas, apóianse catro proxectos de ficción (Guerreras, el conflicto de Telanosa de CTV, Espontáneas de Intereuropa TV, Pensión incompleta de Voz Audiovisual e A vida secreta de Úrsula Bas de Zenit Televisión), un de animación (Cebra con lunares de Viva Zapata y Villar) e dúas documentais (Caso Couso, a serie de Recrea Films e Toxo de Tamboura Films).