Primux anuncia que vai instalar Windows 11 nos seus equipos informáticos de maneira gratuíta, grazas ao acordo de colaboración que mantén con Microsoft desde o ano 2015. Con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, Primux é unha empresa tecnolóxica galega con máis de dez anos de traxectoria no desenvolvemento de ordenadores, portátiles, tablets, smartphones, cámaras e accesorios informáticos diversos.
A compañía galega será un dos primeiros fabricantes mundiais en contar co novo sistema operativo nos seus computadores e dispositivos. Hoxe mesmo Microsoft porá en circulación o seu novo e agardado Windows 11, que chegará baixo o formato de actualización gratuíta para os computadores e equipos que teñan instalado Windows 10 orixinal. Do mesmo xeito, espérase que vaia xa preinstalado nos novos modelos daqueles fabricantes que manteñen acordos coa compañía estadounidense, como é o caso de Primux.
As novidades do novo sistema operativo do xigante americano de software xa foron adiantadas durante os últimos meses e, aínda que algunhas delas non poderán gozarse nalgúns mercados ou dispositivos até 2022, o mundo agarda esta “nova era”.
O fabricante galego Primux é na actualidade líder no sector de fabricación de dispositivos informáticos con sistema operativo Windows en España. O seu CEO, Daniel Rodríguez, sinala que “a actualización a Windows 11 non será un problema para toda a gama actual e futura de Primux, pois os nosos computadores cumpren con todos os requisitos coñecidos até a data para iso”.
A compañía galega conta cunha ampla oferta de computadores de sobremesa, portátiles, Gaming e Mini PCs, así como cun variado catálogo de accesorios e periféricos. Está presente nas principais cadeas comerciais e centros de venda online como Amazon, El Corte Inglés, Carrefour, Media Markt, PC Componentes, Worten e outras tendas especializadas en informática.