sábado. 23.11.2024

A Comisión de Seguimento do nodo de intelixencia artificial de Galicia (nodo galicIA) reuniuse esta semana en Santiago de Compostela e acordou un modelo operativo baseado en capítulos sectoriais e capítulos transversais.

Entre os obxectivos deste modelo atópase o de coordinar esforzos para optimizar os recursos dispoñibles e lograr un maior alcance das accións desenvolvidas sobre intelixencia artificial na nosa comunidade. Ademais, centralizarán o coñecemento, fomentarán a colaboración público – privada e facilitarán a planificación.

Cada un dos capítulos disporá da súa propia comisión de seguimento. En concreto, nesta reunión foi aprobada a creación dos capítulos sectoriais de sanidade e competitividade e innovación. Tamén foi acordada a creación dun capítulo transversal sobre ética e normativa que será coordinado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia coordinará un grupo de traballo transversal sobre ética e normativa que supervisará a elaboración de códigos de conducta, guías e manuais de boas prácticas para a adopción da intelixencia artificial en Galicia

Os responsables do nodo acordaron tamén a creación dun comité de expertos que asesorará á Xunta para un desenvolvemento ético e fiable desta tecnoloxía.

O nodo galicIA está formado pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación; a Consellería de Facenda e Administración Pública; a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; a Consellería de Sanidade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia; así como pola Comunidade de Traballo Galicia Norte de Portugal; a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.

Este órgano, que se encarga de velar polo cumprimento da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial (EGIA), foi o encargado de preparar a candidatura de Galicia para acoller a sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA).

COMITÉ DE EXPERTOS

O Comité de expertos asesores de IA estará formado por profesionais de prestixio internacional recoñecido nos ámbitos da economía, a filosofía e evolución humana, a socioloxía, a tecnoloxía aplicada e o dereito.

A Comisión de Seguimento do nodo galicIA reuniuse esta semana para aprobar o seu modelo operativo e consolidarse como organismo de referencia na intelixencia artificial en Galicia

A súa función será a de asesorar, informar e formular recomendacións á Xunta de Galicia a través da incorporación do coñecemento, as boas prácticas identificadas e unha visión integral cara a deseñar accións en materia de IA. En concreto e, entre outras, a elaboración de recomendacións para proporcionar asesoramento sobre a aplicación ética no desenvolvemento e emprego da IA con respaldo da normativa europea; o asesoramento para o impulso de accións formativas e de concienciación; o asesoramento para o deseño dunha folla de ruta para a potenciación das competencias STEM vencelladas á IA; ou o asesoramento en materia de avaliación do impacto da IA nos sectores produtivos, a Administración pública e a sociedade.

GUÍAS, MANUAIS E CÓDIGOS DE CONDUCTA

O Comité de Expertos formará parte, xunto cos integrantes do nodo, do capítulo transversal sobre ética e normativa. Entre os obxectivos deste capítulo atópase o de velar pola preservación da privacidade dos datos, a explicabilidade do funcionamento dos sistemas de IA e a neutralización de prexuízos. Este grupo encargarase da supervisión de guías e manuais de boas prácticas por sectores; o marco ético para o desenvolvemento da IA nas Administracións públicas de Galicia e os códigos de conducta e guías de adopción da IA.

O nodo de intelixencia artificial crea áreas de traballo específicas para coordinar os...
Comentarios