viernes. 22.11.2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello declarou como iniciativa empresarial prioritaria o proxecto de Indukern para impulsar a instalación dunha planta de fabricación de inxectables en Monforte de Lemos. Deste xeito, dase un paso máis para “contribuír a consolidar Galicia como un referente en materia de biotecnoloxía”.

Rueda resaltou que nesta nova planta “fabricaranse medicamentos de uso humano” e albergará tamén un laboratorio de I+D+i para deseñar “futuros fármacos”. En concreto, cun investimento de 33 M€ na fase inicial e 59,4 M€ en total, o novo centro destinarase á fabricación, produción, acondicionamento e distribución loxística de produtos estériles farmacéuticos líquidos en diferentes formas de acondicionado como ampolas, viarias e xiringas precargadas dependendo do seu uso e tipoloxía de produto.

Elaboraranse medicamentos e realizaranse procesos de apoio como servizos asociados á produción, loxística e administración. O proxecto iniciarase cunha liña de produción de inxectables e coa posibilidade de expansión a catro liñas máis de produción. Tamén se incluirán oficinas para o control da propia planta e laboratorios de análise e desenvolvemento de I+D+i para futuros fármacos, polo que se aliña coa Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia complementando a cadea de valor do sector da biotecnoloxía, unha industria estratéxica na Comunidade Autónoma.

O proxecto cumpre cos requisitos para recibir esta declaración, en concreto supera o volume de investimento mínimo fixado nun millón de euros (serán 33 M€ na primeira fase e 59,4 en total); a creación de 62 empregos na primeira fase; así como complementar cadeas de valor ou pertencer a sectores estratéxicos como é, neste caso, a biotecnoloxía.

Esta declaración enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa que supón, na práctica, a redución á metade dos prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, ratificando igualmente todas as garantías xurídicas durante o procedemento. Así, poténciase a captación de investimentos para Galicia e a creación de emprego de calidade.

Deste xeito xa son 18 as iniciativas empresariais prioritarias declaradas e lideradas por Cortizo (Padrón), Albo (Salvaterra de Miño), Oviganic (Monforte de Lemos), Sogama (Vilanova de Arousa), Ignacio González Montes (Ribeira), Bionerxías de Lugo e Sarreaus (Ourense), Novafrigsa (Lugo), Agroamb Prodalt (Castro de Rei), Hornos de Lamastelle (Carballo), Armonía Green Galicia (A Coruña), Cafés Candelas (Lugo), Bioenergía
A Coruña (A Laracha), Valogreene Recinor (As Somozas), Green Umia (Caldas de Reis), Green Meiga (Begonte), Naturgy Nuevas Energías (en Meirama, Cerceda) e Kern Pharma (Monforte de Lemos).

“Estas 18 iniciativas contan cuns investimentos previstos de 1.275 M€”, indicou Rueda. Polo tanto, esta figura busca potenciar novas oportunidades empresariais e laborais en Galicia con máis simplificación administrativa; máis incentivos fiscais ás empresas; e máis facilidades para acceder ao solo empresarial. 

A declaración de proxectos empresariais como prioritarios implica tamén a concorrencia de razóns de interese público para tramitar de maneira urxente os procedementos administrativos, así como o seguimento e impulso dos trámites posteriores necesarios por parte da Xunta de Galicia para contribuír á eliminación de barreiras á actividade empresarial.

Indukern poñerá en marcha una planta de inxectables en Monforte
Comentarios