martes. 21.01.2025

A Asociación de Parques Científicos y Tecnológicos de España (APTE) elaborou unha listaxe coas 100 mellores startups do ano 2024 situadas nos seus 51 parques científicos e tecnolóxicos, presentes en 15 comunidades autónomas españolas. Entre os proxectos innovadores seleccionados, destacan dúas empresas galegas ubicadas no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, sociedade participada pola Xunta de Galicia: Coinscrap Finance e Madera Plus.

Coinscrap Finance: microaforro e intelixencia artificial para a saúde financeira

Coinscrap Finance é unha fintech que ofrece servizos financeiros a través de medios dixitais e tecnoloxía. A empresa naceu co obxectivo de axudar á poboación a aforrar sen esforzo mediante apps de microaforro. Desde a súa creación, desenvolveu diversas ferramentas innovadoras para a industria financeira, apoiando a bancos e aseguradoras europeas na ampliación da súa oferta a clientes máis novos, personalizando a súa experiencia dixital e creando novos modelos de negocio baseados en datos.

esther_merlo_maderaplus
Esther Merlo de Maderaplus.

Esta plataforma de saúde financeira emprega intelixencia artificial baseándose na economía do comportamento. Para o Banco Santander, por exemplo, desenvolveu unha hucha intelixente que axuda aos usuarios a aforrar mediante regras configurables, como o redondeo ou a porcentaxe de ingresos, permitindo realizar achegas periódicas para acadar obxectivos. Esta ferramenta de microaforro creou 100.000 huchas de aforro, traducíndose en 161 millóns de euros aforrados en menos de dez meses.

Na actualidade, a empresa conta con máis de 30 empregados directos, 13 deles mulleres. Ademais, xa opera en México e busca expandirse a outros países latinoamericanos como Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Perú, Porto Rico e Uruguai.

Madera Plus: certificando a calidade da madeira desde o monte á industria

Madera Plus Calidad Forestal ofrece solucións dixitais para optimizar os recursos ambientais e madeirables do monte. A empresa cuantifica as absorcións de CO2 e utiliza algoritmos para avaliar a calidade tecnolóxica da madeira para uso estrutural, realizando medicións tanto nas árbores como na madeira cortada.

Madera Plus caracteriza a calidade da madeira desde a árbore en pé ata a madeira en rolo, segundo o seu rendemento final na industria. Para iso, emprega tecnoloxías non destrutivas e certifica a madeira pola súa calidade tecnolóxica, pegada social e pegada de CO2. Isto beneficia a todos os actores da cadea: o propietario obtén un maior prezo pola madeira certificada, os compradores diferéncianse ofrecendo madeira de calidade recoñecida e a industria consegue un maior rendemento no procesado, incluíndo no seu produto o balance da pegada de carbono e social.

A capacidade emprendedora dos parques científicos e tecnolóxicos

O obxectivo de APTE é recoñecer as 100 startups máis destacadas dos parques científicos e tecnolóxicos españois e destacar a calidade e a capacidade emprendedora que se desenvolve nestes espazos, ademais de facilitar o contacto destas empresas con potenciais investidores. Estas startups terán un protagonismo especial no vindeiro Foro Transfiere, o maior evento europeo sobre I+D+i e transferencia de coñecemento, que terá lugar en Málaga en marzo. Alí, as empresas poderán manter reunións con potenciais clientes e investidores.

Tecnópole: impulsando a innovación en Galicia

O Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole é unha sociedade participada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía e Industria. Situado en San Cibrao das Viñas (Ourense), leva máis de tres décadas impulsando o talento e a innovación a través do seu centenar de empresas tecnolóxicas e centros de I+D. Tecnópole está comprometido co desenvolvemento sostible, a igualdade de xénero e a divulgación científica.

Dúas startups galegas de Tecnópole entre as 100 mellores de España segundo APTE
Comentarios