Á primeira hora do serán, o pintor de Forxán, en terras ourensás de Leirado, recolleume no barrio do Calvario, onde mora, para dirixirnos, desta vez, a Castro Caldelas á Festa dos Fachós.
O artista onírico coñece moi ben o territorio, onde morou Vicente Risco, hoxe a súa casa transformada en hotel, e sabe que a praza triangular, onde escoitamos, cando chegamos, os sons das dúas charangas procedentes de Trives, era antigamente o Prado.
Xentes de todas as arredores e máis alá de Xunqueira de Ambía ou Niñodaguia, por onde pasaramos, así como por Valilongo, este último de sona para os amigos da boa mesa e mantel, dirixíanse a un posto a mercar cuncas de barro para despois dar conta dos caldos e chourizos que ían asar nas brasas.
Debaixo da carpa, os músicos ían animando o ambiente, mentres que no outro lado ían facendo brasas para asar os chourizos e, chegada a noite, apareceu a comitiva en procesión portando un mollo groso levado por mozos, seguidos doutros con fachicos, formando unha procesión de antorchas ao son do repenique das campás ata o adro e regresar pola Rúa do Sol ata a praza do Prado, rematando nunha grande fogueira ao son do baile.
A festa do lume, de grande importancia en moitos pobos por mor das pestes que houbo, acudindo a veciñanza á intercesión de San Sebastián, que facía o milagre de afastar a peste, continúa celebrándose neste concello que preside unha valente muller de esquerdas, Sara Inés Vega Núñez, arroupada nesta ocasión por alcaldes chegados de diferentes lugares de Galicia, entre eles Paco Ferreira de Gondomar, uns e outros compartindo viño e chourizos na carpa habilitada para a celebración.