viernes. 22.11.2024

A cooperativa Agroflor de Narón acolle mañá, a partir das 12,00 horas, o Día Galego do Cooperativismo que coincide cada ano coa celebración do Día Internacional das Cooperativas. É unha xornada coa que a Xunta busca en cada edición poñer en valor o cooperativismo como fórmula económica que xera riqueza nas contornas e avoga pola sustentabilidade e o benestar.

O Goberno galego, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, leva ao longo de todo este mes de xuño conmemorando esta xornada con visitas abertas á cidadanía para que coñeza entidades de economía social das catro provincias galegas. A través dos Venres Cooperativos desenvolveuse esta actividade programada desde os polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta e se deseñou en colaboración co Consello Galego de Cooperativas, órgano consultivo no que están representados administracións, institucións e entidades da economía social.

No acto de mañá, que clausurará a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, entregaranse os premios aos mellores proxectos empresariais do certame Cooperativismo no Ensino e se fará entregá tamén dos galardóns dos Premios á Cooperación 2023. Ademais, homenaxearase ao socio fundador de Feiraco, José Montes.

A Xunta con esta xornada, en definitiva, quere impulsar esta fórmula económica e poñer en valor os seus principios entre a sociedade, así como recompensar publicamente o labor que as cooperativas veñen realizando coa súa aposta pola igualdade, a proximidade e a xeración de emprego.

Día Galego do Cooperativismo
Comentarios