O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou hoxe as instalacións de Forxabar, da cooperativa Forraxes de Xallas e Barcala, beneficiaria das axudas para a transformación e a comercialización de produtos agrarios. Neste senso, nos últimos cinco anos, esta empresa coruñesa recibiu máis de 160.000 euros destas axudas, sendo a última achega concedida de máis de 70.000 euros na convocatoria de 2022.
Precisamente, o director xeral subliñou que a Consellería do Medio Rural vén de resolver a convocatoria de 2022, adxudicando achegas por un importe de 36,72 millóns de euros, o que supón un incremento do 40% do orzamento anual habitual. De feito, destacou que houbo 81 solicitudes aprobadas, catro das cales acadaron o límite máximo de tres millóns de euros en axudas por beneficiario.
Así mesmo, o director xeral indicou que o 33% do orzamento foi asignado a empresas da provincia da Coruña, só por detrás de Lugo, que aglutinou case a metade dos beneficiarios. Así, seguiríanlles Pontevedra e Ourense cun 10% do orzamento asignado cada unha. Por sectores, os máis beneficiados foron o lácteo, con case a metade do orzamento, seguido polo cárnico (25%), a alimentación animal (9%) e outro sectores (mel, aceite, ovos, castañas, froitas, hortalizas, etc.).
Con respecto á distribución no territorio, a maior parte das axudas (87%) destínanse a proxectos en zonas de montaña ou con baixa densidade de poboación. Ademais, a maioría do orzamento destínase a proxectos promovidos por produtores agrarios ou por empresas participadas por estes (57%).
AXUDAS PLURIANUAIS
Estas achegas teñen carácter plurianual para facilitar a execución de proxectos de gran investimento e cobren actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables. Tamén serven para sufragar a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos.
O fin último destas achegas, indicou o director xeral, é crear novas industrias agroalimentarias ou mellorar as xa existentes. De feito, no vindeiro período 2023-2027 da PAC está previsto o mantemento das axudas ás industrias agroalimentarias, co fin de fortalecer o peso do sector industrial no agro galego.
Así, a orde busca incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. No caso das subvencións, consisten en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos son garantías do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos.
Cabe lembrar que, como novidade, a convocatoria deste 2022 apoiaba as asociacións de produtores que se unisen para levar a cabo investimentos en común. Así, concedíaselles a máxima puntuación no apartado de beneficio a produtores dos criterios de valoración ás cooperativas agrarias galegas ou ás sociedades participadas maioritariamente (máis do 50%) por cooperativas agrarias galegas ou por asociacións e organizacións de produtores da nosa comunidade.