O alcalde Alejandro Lorenzo, e concelleiros do goberno local, recibiron onte no Concello a unha representación do goberno popular municipal de Luoyang, sede do conglomerado chinés Citic HIC, propietario de Censa Gándara. A comitiva, encabezada polo tenente de alcalde de Luoyang, Yang Xiao, o Subdirector Xeral de Citic HIC, Wu Zhigang, e o CEO de Citic HIC Gándara Censa, Juan José Agulla, visitou O Porriño para coñecer o municipio no que se ubica a industria e estudar posibilidades de cooperación entre ambas cidades, así como as necesidades de colaboración no campo do medio ambiente e o comercio bilateral.
O responsable chinés explicou que o obxectivo da súa visita, ademais de visitar as instalacións no polígono industrial da Granxa, é aprender e tamén presentarnos a súa cidade e o seu potencial industrial e cultural.
A cidade de Luoyang ten unha población de 6,55 M de habitantes e é sede do grupo Citic HIC, lider do mercado nacional chinés en fabricación de maquinaria pesada, que en 2011 adquiriu Censa para mellorar as súas capacidades no mercado global.