A iniciativa 'Camiño da Innovación', impulsada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), está a percorrer toda Galicia cun tráiler como espazo de inspiración, información e servizos próximos ás microempresas e pemes galegas. Esta actuación enmárcase no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes de Galicia, que ten como obxectivo promover que a innovación sexa a esencia da competitividade das pemes galegas, e contribuír a superar os obstáculos para innovar.
En total, “Camiño da Innovación” vai realizar 18 etapas en concellos das catro provincias galegas, co fin de garantir a proximidade a todo o tecido empresarial. A actuación estará aberta ao público de 9:00 a 18:00 horas en cada concello e servirá como oficina de asesoramento para apoiar a innovación. Ademais, levaranse a cabo eventos, coa participación de pemes da contorna, de cara a difundir a cultura da innovación.
Na provincia de Ourense estará nun total de catro localidades:
-O martes 23 de novembro o tráiler recalará en Ribadavia, na rúa San Lázaro, en particular na Explanada O Consello (polideportivo). O encontro coas pemes terá lugar na Casa da Cultura de 9:30 a 11:00 horas, coa asistencia do vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde.
-A seguinte parada será en San Cibrao das Viñas, o vindeiro 24 de novembro. Nesta ocasión, o tráiler estará facendo asesoramentos xunto ao Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). O encontro con pemes innovadoras da comarca realizarase no salón de actos da propia Tecnópole, ás 12:00 horas, cunha duración de unha hora.
-O xoves día 25 chegará a Xinzo da Limia, á praza Carlos Casares. A celebración do encontro con pemes será na Casa da Cultura, entre as 11:30 e as 13:00 horas.
-O luns 29 o tráiler estará na Veiga (localización pendente de fixar). O encontro coas pemes será ás 11:00 horas. Para participar nesta iniciativa, as pemes poden inscribirse a través deste formulario e solicitar, por un lado, asesoramento personalizado sobre as oportunidades e potencial de innovación por parte do persoal da Axencia Galega de Innovación. E tamén poden pedir asistencia aos encontros coa participación de pemes innovadoras da contorna de cada unha das etapas.