viernes. 22.11.2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a liña de incentivos coa que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade quere impulsar a incorporación ao mercado de traballo de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, con achegas de 9.000 euros por cada contrato formalizado (3.000 euros máis que na pasada edición).

Trátase de facilitar a contratación das persoas mozas galegas, polo que os apoios van dirixidos a persoas empregadoras e empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, que contraten a menores de 30 anos por conta allea para traballar en centros laborais de Galicia.

O prazo de solicitude para optar a estas axudas ábrese mañá e permanecerá aberto ata o próximo día 31 de xullo. No caso de novas contratacións, o período para realizalas será de 20 días hábiles a contar desde o día seguinte á recepción da notificación da concesión da axuda, e, en todo caso, antes do 30 de setembro.

Para que a contratación poida ser financiada pola Xunta, a persoa traballadora terá que recibir unha formación en competencias brandas que complemente a súa inserción laboral, cun mínimo de 50 horas. Esta cualificación compatibilizarase co traballo.

Os contratos subvencionables deberán formalizarse con persoas mozas de 16 anos e menores de 30 e deberán estar inscritas e ser beneficiarias no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito de Galicia. Deberán ser persoas desempregadas inscritas, ademais, no Servizo Público de Emprego de Galicia en ocupacións relacionadas coa oferta de emprego que se presente ao abeiro destes incentivos. Outro dos requisitos é que non poden estar traballando nin participando en formación o día inmediatamente anterior á selección e á contratación.

As achegas realizaranse nun único pagamento de 9.000 euros coa presentación do contrato, que debe ter unha duración mínima de 9 meses e ser a xornada completa en calquera das seguintes modalidades: contrato indefinido, de formación en alternancia ou por obtención da práctica profesional.  

Axudas ás empresas e autónomos para contratar a menores de 30
Comentarios