A contratación de Internet entre as microempresas galegas sitúase no 78,5%, experimentando un aumento dun 7,9% no último ano, e superando amplamente o ritmo de crecemento estatal (2,4%). Por primeira vez, a contratación de Internet nas microempresas galegas supera a media estatal (78,2%). No caso das empresas de 10 ou máis traballadores Galicia practicamente converxe coa media estatal, acadando a práctica totalidade deste segmento empresarial (98%).
Esta son algunhas das conclusións que se extraen da enquisa sobre “O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2019/2020” publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)
INCREMENTO DE VELOCIDADE
Entre as tecnoloxías de acceso, o 67,5% das microempresas e o 94,4% das de 10 ou máis traballadores contrataron Internet a través de conexións fixas. As empresas de 10 ou máis asalariados que se conectan á Rede a través deste tipo de conexións ocupan a terceira posición no ranking de Comunidades Autónomas e superan a media estatal en case 2 puntos.
En canto á velocidade de conexión a Internet contratada, o 63,6% das empresas galegas de 10 ou máis asalariados conta cunha velocidade superior aos 100 Mbps fronte ao 39,8% do ano anterior. Isto representa un crecemento do 60% nas conexións a Internet superiores aos 100 Mbps entre as empresas galegas de 10 ou máis asalariados
Entre os usos de Internet, destacan os trámites coas Administracións Públicas: o 97,5% das empresas de 10 ou máis traballadores e o 73,8% das microempresas interactuou coas Administracións Públicas a través de Internet.
As empresas galegas de 10 ou máis empregados ocupan o segundo lugar na interacción coas administracións a través de internet e superan a media estatal en case 4 puntos. Tamén se sitúan por riba da media na obtención de información das administracións a través das webs, a descarga de formularios e na devolución de formularios impresos.
GALICIA POR RIBA DA MEDIA
O 9,2% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores analizou big data, dato superior á media estatal (8,5%), que sitúa a Galicia o 5º lugar entre todas as comunidades.
As empresas de 10 ou máis empregados con páxina web medraron un 3,8% ata chegar ao 80,9% e así superan por primeira vez á media estatal (78,1%), que se mantén estable, máis de 2 puntos por baixo das galegas. O 29,3% das microempresas galegas ten páxina web, situándose tamén por riba da media estatal (28,8%).