viernes. 22.11.2024

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación da orde pola que se establecen as bases reguladoras do III Plan de Rescate para autónomos e pemes afectados pola crise da covid-19. Unha nova convocatoria coa que o Goberno galego terá destinado cerca de 560 millóns en axudas directas en seis meses aos sectores máis prexudicados pola pandemia: 416 millóns dos tres plans de rescate e a contía restante correspondente a diferentes departamentos da Xunta que veñen de apoiar a axencias de viaxes, ocio nocturno, orquestras ou ao sector das artes escénicas e musicais, entre outros sectores.

Durante a súa intervención, precisou que o importe deste terceiro plan ascende a máis de 234 millóns, financiados con cargo aos fondos finalistas do Estado para o apoio á solvencia empresarial en resposta á covid.

Tras facer fincapé que este importe supón apenas o 3,3% do total dos 7.000 millóns que se reparten en toda España. Feijóo incidiu en que “unha vez máis acreditamos a discriminación negativa que está sufrindo Galicia practicamente en todos os fondos que se transfiren do Goberno central ás comunidades autónomas para facer fronte aos problemas da covid”.

Máis polo miúdo, o presidente da Xunta explicou que as cantidades percibidas deberán ir dirixidas a satisfacer pagos a provedores e acredores, financeiros ou non, así como os custos fixos incorridos entre o 1 de marzo de 2020 e o 31 de maio de 2021.

Deste xeito, os autónomos e as empresas beneficiarias comprométense a manter a actividade ata o 30 de xuño de 2022, non repartir dividendos durante os anos 2021 e 2022 e non aprobar incrementos nas retribucións da alta dirección durante un período de dous anos.

Así mesmo, salientou que, de acordo co pactado no Diálogo Social e a Mesa de Autónomos, a Xunta decidiu estender as axudas a todas as actividades económicas, e non só aos CNAEs que aparecen no real decreto, sempre e cando poidan acreditar unha caída de ingresos dun 40% ou máis.

Ademais, co obxectivo de garantir a maior axilidade posible, o Goberno galego aplicará o mesmo criterio que no primeiro e segundo plan de rescate, é dicir, os beneficiarios recibirán anticipadamente o 100% do importe coa presentación dunha declaración responsable.

O presidente do Executivo galego detallou que a orde autorizada polo Consello da Xunta divide o orzamento en 3 programas: 150 millóns de euros para apoio os autónomos e profesionais que tributen por módulos, cunha única axuda de 3.000 euros.

Ao segundo programa destinaranse 50 millóns de euros para autónomos individuais ou con ata 10 traballadores e empresas de ata 25 traballadores, cun volume de facturación de menor de 2 millóns; e o importe da axuda irá desde 6.000 euros ata un máximo de 11.000 euros.

O terceiro programa, cun orzamento de 34 millóns, incluirá a persoas traballadoras autónomas e empresas con máis de 10 traballadores e cun volume de facturación superior a 2 millóns de euros, así como a empresas de máis de 25 traballadores, cuns apoios que irán dos 10.000 euros ata os 30.000 euros.

Logo de salientar que “na distribución dos fondos priorizamos aos autónomos e pequenos empresarios, que conforman o 97% do tecido produtivo de Galicia e para eles reservamos o 85% do importe do plan, 200 millóns de euros”, Feijóo concluíu precisando que a nova orde sairá publicada no DOG a vindeira semana, co prazo dun mes para presentar as solicitudes.

560 millóns de euros en axudas directas en seis meses a autónomos