O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe dunha nova convocatoria de dúas liñas de axudas -Galicia Expora Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios- para promover a internacionalización de pemes e autónomos galegos. “Serán 3 millóns de euros para costear accións realizadas ao longo deste ano 2023”, explicou.
Rueda resaltou que estas achegas van dirixidas tanto a empresas como a clústeres, asociacións empresariais ou consellos reguladores. O presidente indicou que o obxectivo é que as empresas galegas sigan exportando e “abríndose a novos mercados”. Nesta liña, destacou que nos primeiros sete meses de 2023 bateuse un novo récord de exportacións ao chegar “a cifra histórica de 17.374 M€”.
Para iso as axudas buscan impulsar actividades “de difusión no exterior” coma campaña publicitarias e a participación en feiras internacionais así como a accións específicas “para aumentar as exportacións e adaptar os produtos as demandas dos países” onde se van vender.
As axudas, que se poderán solicitar durante un mes desde o día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia, cobren as actuacións que se celebren desde o 1 de xaneiro de 2023 e ata o 15 de decembro de 2023. O apoio máximo por solicitude e beneficiario chega, no caso do Galicia Exporta Empresas, ata os 95.000 euros e no de Organismos Intermedios, aos 400.000.
O obxectivo destas liñas, impulsadas pola Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape e no marco da Estratexia de Internacionalización, é apoiar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, especialmente de pemes e establecementos comerciais, a través de novas canles de comercialización.
Un marco no cal tamén se activará proximamente unha nova convocatoria do Galicia exporta dixital, pois o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitividade nos mercados internacionais no actual contexto económico. O obxectivo é permitir ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores.
Neste sentido, tal e como destacou o presidente desde a posta en marcha do Galicia exporta empresas, no ano 2016, “téñense apoiado preto de 1.500 plans de promoción internacional”, con accións de difusión, e asistencia a feiras ou prospección de novos mercados, cunha media de participación de máis de 240 empresas ao ano, o que supuxo unha axuda total ata a data de 30,5 M€.
Cifras ás que se suman os máis de 8,7 M€ e 165 iniciativas promovidas a través do Galicia exporta organismos intermedios. Pola súa banda, o Galicia exporta dixital ten beneficiado xa a máis de 400 empresas por importe de máis de 14 M€ e un investimento inducido de 17,6 M€.
INCREMENTO DAS EXPORTACIÓNS
Todas estas accións englóbanse na Estratexia de internacionalización que está a promover o goberno galego e que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.
Grazas a este esforzo conxunto, Galicia segue a bater os seus rexistros de exportacións. Así, a Comunidade sumou nos sete primeiros meses de 2023 vendas ao exterior por valor de 17.374 M€, o que supón un récord histórico, e un 2,5 % máis o período homólogo de 2022.
A balanza comercial galega presenta un saldo positivo de 5.332,1 M€ (773 millóns en xullo), cifra que duplica a obtida o primeiro semestre de 2022 e contrasta co saldo comercial de España, o cal segue lanzando un resultado negativo.