O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este venres na rolda de prensa do Consello a decisión do Goberno galego de aumentar as contías das axudas para a compra de libros, e flexibilizar os límites de renda para acceder ao fondo solidario e aos vales de libros e material escolar para o vindeiro curso 2020-2021.
Logo de destacar que os destinatarios das axudas serán os alumnos matriculados en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos, Feijóo aseverou que para atender toda a demanda, a Xunta habilitará unha partida de preto de 20 millóns de euros, o que supón un incremento de case o 63% con respecto aos 12,1 millóns do presente curso.
No tocante ao sistema solidario, lembrou que este susténtase en tres eixos: as axudas á adquisición de libros de texto, o fondo solidario de libros de texto e as axudas para a adquisición de material escolar.
Sobre as axudas á adquisición, e no caso do alumnado matriculado en 1º e 2º curso de Educación Primaria, Feijóo confirmou que, para o vindeiro curso, cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros, corresponderá unha axuda de 210 euros. E, cunha renda per cápita familiar superior a 6.000,01 euros e igual ou inferior a 10.000 euros, corresponderá unha axuda de 140 euros. Aumentan as familias beneficiarias e a contía das axudas. No primeiro aumenta un 23% e, no segundo, un 55%.
Ademais, no caso da Educación especial e discapacidade igual ou superior ao 65%, recibirán un importe de 275 euros con independencia da renda per cápita familiar. Unha decisión que supón incrementar un 10% a contía establecida ata o de agora.
Sobre o alumnado en situación de garda ou tutela de 1º e 2º de Primaria que se encontre en situación de garda ou tutela da Xunta, precisou que recibirá a axuda máxima de 210 euros, fronte aos 170 actuais, e non terán que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.
En relación ao Fondo solidario de libros, (dirixido a alumnado de 3º, 4º,5º e 6º de Primaria e toda a etapa de ESO) a asignación de libros de texto farase –ao igual que en cursos anteriores– por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar; terá preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar; e flexibilizaranse á alza os treitos de renda per cápita. Deste xeito, teñen garantido o acceso a 6 libros os seguintes alumnos: alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros (ata o de agora situábase en 5.400 euros); o alumnado que estea en situación de garda ou tutela da Xunta; e o alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda).
Pola súa banda, as familias con tramos de renda per cápita entre 6.000,01 e 10.000 euros terán acceso a 4 manuais (ata o de agora o tramo era inferior a 9.000 euros).
Por último, e en relación ás axudas para material escolar, cómpre salientar que o destinatario será todo o alumnado matriculado en Educación Primaria e en ESO, cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros, manténdose a contía da axuda -50 euros por alumno-.