A Xunta destina máis de 500.000 euros a financiar tres ordes de axudas para impulsar programas de voluntariado xuvenil e sénior, así como para fomentar o voluntariado en xeral nas entidades de acción voluntaria. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou as bases reguladoras e a convocatoria destas tres subvencións para financiar actividades que se realicen durante este ano 2022.
As actividades de voluntariado sénior están dirixidas a persoas maiores de 55 anos, mentres que o voluntariado xuvenil diríxese a mozas e mozos de entre 16 e 30 anos
A primeira destas liñas de axudas terá como beneficiarias a aquelas entidades de acción voluntaria de carácter privado de Galicia que realicen proxectos de voluntariado no período comprendido tamén entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro e que se orienten á sensibilización, formación e coordinación en materia de acción voluntaria. O importe destas axudas será de 145.415 euros e o prazo de solicitude está aberto ata o 6 de xuño.
Para acceder a esta subvención deben desenvolver proxectos en áreas como a sensibilización, a formación e a coordinación dentro do voluntariado a través de diferentes actividades como xornadas de aprendizaxe, seminarios ou campañas, entre outros.
SÉNIOR
A segunda destas ordes, está destinada a entidades de acción voluntaria e locais enmarcadas no programa Voluntariado Sénior. Os proxectos deberanse desenvolver entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro deste ano e os usuarios deberán ser persoas maiores de 55 anos. O prazo de solicitude para estas axudas estará aberto ata o 27 de xuño.
Farase a través de tres convocatorias de axudas destinadas a entidades de acción voluntaria e locais así como a entidades de carácter privado
As temáticas que ocuparán un carácter prioritario, aínda que non exclusivo, serán as relacionadas coa igualdade de xénero, a recuperación da cultura, a arte e a tradición galega, o Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021, así como aquelas orientadas á innovación e investigación en relación ao benestar das persoas maiores. O importe total destas subvencións será de 100.000 euros.
XUVENIL
Por último, a terceira orde irá dirixida a entidades de acción voluntaria e locais enmarcadas no Programa Servizo de Voluntariado Xuvenil. Este programa está deseñado para fomentar a participación de persoas de entre 16 e 30 anos que desenvolvan iniciativas entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro deste ano e terán como temáticas prioritarias as relacionadas coa igualdade de xénero, a posta en valor do medio rural ou o benestar das persoas maiores. O importe destas axudas será de 255.000 euros e o prazo de solicitude estará aberto ata o 27 de maio.