martes. 26.11.2024

Os bateeiros, as confrarías de pescadores e os acuicultores que promovan unha actividade sustentable poderán beneficiarse de máis de 11,5 millóns de euros. A Xunta pon a disposición do sector esta contía no marco da convocatoria de 2021 de axudas para apoiar os investimentos produtivos, o incremento da eficiencia enerxética e o fomento do uso de fontes de enerxía renovables, así como os servizos de asesoramento técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico no ámbito da acuicultura. A través destas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), Galicia poderá subvencionar ata o 50% das inversións que fomenten unha actividade sustentable.

Así o especifica a orde da convocatoria de 2021 destes apoios publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia. En concreto con eles poderase subvencionar ata o 50% das inversións que realicen as microempresas, pequenas ou medianas empresas –con menos de 250 empregados e cun volume de negocio anual igual ou inferior a 50 millóns de euros- e ata o 30% dos investimentos que realicen as grandes empresas.

A primeira das liñas conta con 11 millóns de euros e destínase aos investimentos produtivos. A través dela a Consellería do Mar poderá subvencionar, entre outros aspectos, actuacións para diversificar a produción e para modernizar as instalacións neste sector, incluíndo a adquisición de equipos. Tamén poderá subvencionar investimentos na mellora da calidade do produto ou para incrementar o seu valor.

A segunda liña de subvencións é a destinada ao incremento da eficiencia enerxética e ao uso de fontes de enerxía renovables e conta con 400.000 euros. A terceira e última é para a obtención de servizos de asesoramento de carácter técnico, científico, xurídico, ambiental ou económico e teñen como obxectivo mellorar o rendemento global e a competitividade das explotacións acuícolas e promover o respecto medioambiental. A esta última liña destínanse 160.000 euros.

As achegas para investimentos produtivos e á eficiencia enerxética están dirixidas a todas as pequenas, medianas e grandes empresas mentres que das de asesoramento poderán beneficiarse microempresas e pemes.

INNOVACIÓN

Os bateeiros, as confrarías de pescadores e os acuicultores que promovan unha actividade sustentable tamén poden acceder a achegas destinadas a proxectos de innovación desenvolvidos en colaboración con organismos científicos ou técnicos recoñecidos polo Estado ou pola comunidade autónoma de Galicia e tamén coas universidades públicas e privadas. A convocatoria de 2021 destas achegas tamén foi publicada esta semana no DOG e a ela a Consellería do Mar destina 1,7 millóns de euros.

A través delas son subvencionables os proxectos que teñan como obxectivo o desenvolvemento de coñecementos técnicos, científicos ou organizativos nas explotacións acuícolas, que reduzan o impacto no medio ambiente e que impulsen un uso sustentable dos recursos na acuicultura, melloren o benestar das especies ou faciliten novos métodos de produción sustentable, entre outros aspectos. Tamén son obxecto de axuda as iniciativas que busquen a introdución no mercado de novas especies, produtos e procesos ou sistemas de xestión e organización novos ou perfeccionados. Entre os proxectos subvencionables están ademais aqueles que teñan como fin o estudo da viabilidade técnica ou económica de produtos ou procesos innovadores.

Subvencionarase con carácter xeral o 50% dos investimentos que fagan as pemes, o 30% dos das grandes empresas, o 75% dos investimentos que realicen as organizacións de produtores, asociacións de organizacións de produtores ou asociacións interprofesionais e o 60% dos que fagan outras organizacións de beneficiarios colectivos. Esa porcentaxe pode chegar ao 100% cando se trate de proxectos dunha peme, dunha organización de produtores, asociacións ou outras organizacións de beneficiarios colectivos e que sexa de interese colectivo, cun beneficiario colectivo e con características innovadoras a escala local.

Os beneficiarios interesados en cursar as solicitudes de ambas convocatorias poderán consultar os requisitos e a documentación necesaria nas ordes que publicou esta semana o DOG. O prazo de presentación de solicitudes para ambas convocatorias será dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación.

Os bateeiros, confrarías e acuicultores que fomenten unha actividade sustentable poden...